Encontro do voluntariado de Cáritas en Santiago

O bispo auxiliar de Santiago, mons. Jesús Fernández, pronunciou a conferencia central do III Encontro do voluntariado de Cáritas Diocesana de Santiago-Interparroquial de Santiago. Na súa intervención sinalou que “Cáritas aposta por unha economía solidaria que pon no centro á persoa e a súa dignidade, que prioriza a loita polos dereitos humanos e coida o planeta, a casa común”. Destacou como alicerces fundamentais dunha economía solidaria e inclusiva o emprego, as relacións comerciais e a opción decidida por un sistema financeiro axustado a criterios éticos.

Considerou fundamental fortalecer a animación comunitaria. En tal sentido ao referirse a Cáritas dixo que “debe estar na base da comunidade eclesial. É preciso que a comunidade cristiá sexa evanxelizadora a través das súas obras, sendo parte do servizo prestado a quen o necesita”. Na sociedade actual, subliñou, adóitase reducir ao ser humano a aspectos como o ter, o poder, o seducir. Na súa opinión, a maior pobreza do noso tempo é a soidade, “unha soidade que deixa ao necesitado desprotexido e acaba por facelo invisible aos ollos da sociedade”.

Para monseñor Fernández González coidar o planeta, o coidado da casa común “é tamén unha forma de loitar contra a pobreza”. Matizou que é visible que o cambio climático está a afectar a millóns de persoas no mundo. Tras as palabras do bispo auxiliar, os asistentes participaron nun coloquio no que se analizaron as experiencias e o traballo desenvolto a través dos distintos programas de Cáritas para axudar ás persoas máis necesitadas. A sesión de traballo incluíu o visionado de fotografías do último encontro e a proxección dun vídeo no que se fala das razóns e os motivos para ser voluntario.

Á reunión asistiron o arcebispo de Santiago, mons. Julián Barrio, o delegado episcopal Jesús García Vázquez, e o director da institución compostelá, Luís Calviño.

Versión en castelán