Encontro ecuménico en Santiago

Este venres terminan os encontros ecuménicos que ao longo da última semana fóronse celebrando na diocese de Compostela dentro dos actos programados como motivo da semana de Oración pola Unidade dos Cristiáns. Nesta ocasión o encontro desenvolverase na capela do colexio das Fillas da Caridade, na rúa das Orfas a partir das 20h.

Esta semana de Oración pola Unidade dos Cristiáns quixo lembrar que xa o concilio Vaticano II insistiu con forza no feito de que o don de Deus recíbeno igualmente os non católicos e que insistir na diferenza sería desprezar o don de Deus que todos recibimos. Camiñar xuntos é o propio dos irmáns, aínda que estivésemos tempo separados, e mesmo enfrontados, por razóns non sempre espirituais nin teolóxicas.

O exemplo para seguir dano as Caritas, que a ninguén lle pide o “carné de católico” para atendelo nas súas necesidades. Os peregrinos que se converten no Camiño de Santiago, ou renovan a súa fe, comparten un único bautismo en comunidades moi diferentes de tradición evangélica, calvinista ou anglicana de América ou Europa, da Ortodoxia oriental ou da emigración, de igrexas cristiás afastadas e de países onde vivir a fe é perigoso.

Aínda que pase desapercibido, cristiáns non católicos utilizan templos católicos en Santiago e Coruña. En fraternidade ecuménica promovida pola xerarquía e o dereito da igrexa romana, estalles permitido celebrar a fe e mesmo a súa Eucaristía ou Cea.

Cada ano unha comunidade dun lugar do mundo motiva e organiza a oración para os oito días do Octavario, e o esquema da celebración ecuménica, en coordinación co Consello Mundial de Igrexas e o Pontificio Consello para a Promoción da Unidade dos Cristiáns. Este ano é Indonesia, coas dificultades interreligiosas, políticas e sociais, que lles levou a verse reflectidos na frase de Deuteronomio 16, 18-20: “Actúa sempre con toda xustiza.”

Versión en castelán