Monseñor Barrio presidiu a Función do Voto na Igrexa de Santo Domingo na Coruña

O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio,  presidiu este domingo ao mediodía a tradicional celebración da Función do Voto na igrexa de Santo Domingo. Durante a súa homilía, monseñor Barrio asegurou que «A Coruña non pode perder a súa alma» e, para iso, «todos temos que estar comprometidos». Engadiu que «o sentir relixioso non desaparecerá nunca» porque «non se pode eliminar do corazón do home». Lamentou, ademais, que esteamos «a ser relixiosos pero sen relixión». Explicou que a «crise antropolóxica» que a sociedade está a vivir «ten que ver cos fundamentos da vida».

O arcebispo afirmou que «non necesitamos facer enquisas nin estudos» para buscar as razóns da «mediocridade, rutina e falta de compromiso cristián» que hai actualmente na sociedade. Só temos que «mirarnos por dentro e ver o espazo que Cristo ocupa no noso corazón», engadiu. O arcebispo de Santiago apuntou que a «preocupación nihilista» da sociedade actual débese a que «se deixou de buscar o ben común. A vida ou a damos ou se disipa porque non podemos almacenala», subliñou.

Pola súa banda, a oferente, Elena Viturro, pediu á Virxe do Rosario a súa bendición para todos os coruñeses e para os enfermos, en especial, para os que padecen cancro. Lembrou a súa especial sintonía con estes enfermos e os seus familiares polo seu paso como presidenta da Asociación Española contra o cancro na Coruña. Viturro pediulle, ademais, á Virxe, que consiga que os políticos «apoien as necesidades dos enfermos e apoien a investigación».

Versión en castelán