Escola diocesana de axentes de pastoral para os voluntarios de Cáritas

  • O programa previsto prolongarase ata maio

A primeira sesión das xornadas de formación destinadas aos axentes de Cáritas e enmarcadas no programa da Escola Diocesana de Axentes de Pastoral (EDAP), foi impartida na Coruña pola técnico da institución Fátima Romar. Xirou arredor da Doutrina Social da Igrexa. A sesión formativa iniciouse cunha reflexión sobre un texto do evanxeo de Marcos, concretamente sobre a pasaxe na que uns homes baixan un paralítico polo tellado para presentalo ante Xesús. Unha reflexión que foi compartida polos asistentes dos tres grupos: Cáritas, Catequese e Liturxia.

A segunda parte dedicouse á formación específica do grupo de Cáritas, para analizar o tema central e afondar na Doutrina Social da Igrexa, recordando que é a ensinanza moral elaborada no seo da Igrexa como resposta histórica aos problemas económicos e sociais producidos desde a Revolución Industrial ata os nosos días. Unha iniciativa que persegue iluminar as conciencias e orientar decisións para que as relacións humanas sexan máis humanas.

A este tema inicial sumaranse outros relacionados con Cáritas como institución: a opción preferencial polos pobres, a acollida e a escóita, o acompañamento, ser voluntario en Cáritas e os retos actuais da Igrexa no ámbito caritativo e social. Os formadores que imparten estes cursos integran o equipo de animación comunitaria e voluntariado de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela.

 

Versión en castelán