Este 26 de maio celebramos a Pascua do Enfermo

A Igrexa en España celebra este domingo 26 de maio a Pascua do Enfermo, unha cita á que tamén se suma a Igrexa Diocesana que peregrina en Santiago de Compostela. En moitas das nosas parroquias impoñerase a Unción aos enfermos que a soliciten, tanto individualmente nos seus domicilios, como comunitariamente en celebracións nos templos. O lema, “Gratis recibistes, dade gratis”, é o  mesmo da Xornada Mundial do Enfermo 2019 que se celebrou o 11 de febreiro.

Na carta pastoral que monseñor Barrio, arcebispo de Santiago, escribiu en febreiro pasado para o Día do Enfermo, dicía que “coñecer a historia da Igrexa é tomar conciencia de que a caridade é fío fundamental na confección do seu tapiz. Somos conscientes de que a dor e a enfermidade son constantes non desexadas nas nosas vidas”, para engadir a continuación que “realizar esta misión comporta un estilo de vida no que “a gratuidade humana é o fermento da acción dos voluntarios, que son tan importantes no sector socio-sanitario e que viven de maneira elocuente a espiritualidade do Bo Samaritano”, escribe o papa Francisco, quen na súa Mensaxe exhórtanos tamén a todos a promover a cultura da gratuidade e do don, indispensable para superar a cultura do beneficio e do descarte”.

Monseñor Barrio animaba os “admirados voluntarios da Pastoral da Saúde, a que xunto á formación técnica que loxicamente se necesita, acrecentedes o voso sentir humanitario para ser persoas cuxo corazón foi conquistado polo amor de Cristo, acreditando así o voso amor ao próximo”.

Pola súa banda, o departamento de Pastoral da Saúde, dentro da Comisión Episcopal de Pastoral, resalta a importancia do voluntariado. En España hai máis  de 18.500 voluntarios, e a necesidade de animar a máis persoas nesta dirección.

Versión en castelán