Mensaxe de Nadal de mons. Julián Barrio

“Non a debemos durmir
a noite Santa,
non a debemos durmir”.

Así empeza esta fermosa panxoliña que todos cantamos nunha noite como esta, nunha Noiteboa. É certamente unha noite santa porque nela o misterio de Deus fíxose presenza real e encarnada no Fillo de María, nese Fillo que é Palabra viva do Pai. Feliz e Santo Nadal! É o tempo da alegría, da esperanza cumprida, do soño de Deus realizado. É o tempo do asombro agradecido, é a hora da gloria divina, do amor e da paz.

É o momento de velar e non durmir. É o instante preciso para adorar e deixarse iluminar pola luz inmensa que aparece para nós, para ti e para min, “que eramos pobo que camiñaba en tebras”[1].

O Neno que nace é o pleno sentido das nosas vidas, sen el non seriamos o que somos nin chegaremos a ser o que el quere de nós. “Ese sentido está pensado de forma totalmente persoal para cada un. El mesmo é persoa: é o Fillo do Deus vivo, que naceu no portal de Belén”[2].

Como durmir nesta noite santa ante a inmensidade deste agasallo? Hai que acompañar a María e a Xosé, hai que axeonllarse ante o Neno e bicalo con todo o noso ser. Seica, facelo en silencio. Non tanto por el, a quen non turbaría o noso alborozo, senón por nós mesmos: para deixarnos quentar o corazón nunha meditación serena escoitando interiormente as voces dos anxos que falan a linguaxe celeste, que tocan a música da alegría de Deus.

“Contemplar o Neno Xesús no presebe axúdanos a saír da nosa indiferenza, fastío e tristeza, sentíndonos salvados. Que nos pasa se xa non somos capaces de albergar este sentimento? Escribía santo Agostiño que é necesaria a humildade para entrar no misterio da Encarnación do Verbo”[3].

Feliz Noiteboa e Bo Nadal, si, para saír ás rúas co ánimo cheo de espírito “de pobreza e austeridade”! Felices os que se deixan “sorprender por Deus”! O papa Francisco lémbranos que a  tenrura e o afanarse polo irmán son como “o amor que se fai próximo e concreto. É un movemento que procede do corazón e chega aos ollos, aos oídos, ás mans. A tenrura é usar os ollos para ver o outro, usar os oídos para escoitar o outro, para oír o berro dos pequenos, dos pobres, dos que temen o futuro”[4].

Deus está máis empeñado que nós mesmos na nosa felicidade: deixémolo nacer na casa, na familia, no fogar; que se faga Neno cos vosos fillos, que agarime os maiores e quede á beira dos enfermos, dos débiles, dos que sofren.

Pido a Deus que o seu Fillo, o Neno de Belén, vos siga regalando a súa boa noticia. Que sexa a vosa fortaleza no medio deste tempo axitado que necesita a súa paz e a súa luz. Que a súa historia de salvación sexa a túa e a miña. “Deixemos que a alegría deste día penetre na nosa alma. Non é unha ilusión. É a verdade… Ela fálanos desde o Neno que é o propio Fillo de Deus”[5].

“Hoxe na Cidade de David naceuvos o Salvador, o Mesías, o Señor”[6].

A todos  imparto a miña bendición.

Feliz Noiteboa, Bo nadal!

+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela

 

[1]Is 9,1-2

[2]  “A bendición do Nadal”, Joseph Ratzinger, Barcelona 2008, páx. 110

[3] Carta Pastoral para o Advento 2019, mons. Julián Barrio.

[4] Videomensaje, 26 de abril de 2017, Papa Francisco

[5] “A bendición do Nadal”, Joseph Ratzinger, Barcelona 2008, páx. 114

[6] Lc, 2, 11

Versión en castelán