Finalizaron os traballos do Sínodo Diocesano

O pasado fin de semana pechábanse en Santiago os traballos do Sínodo Diocesano. As asembleas xerais que se celebraron desde o pasado mes de outubro finalizaron a súa reflexión sobre os relatorios que foran obxecto de estudo. Todo ese material, xunto ás achegas realizadas nas asembleas, xa están en mans do arcebispo, monseñor Julián Barrio, para a súa definitiva aprobación e que se convertan, así, “en normativa diocesana”, tal e como se indica na “Mensaxe Final do Sínodo Diocesano”. Esta mensaxe, que ofrecemos íntegro a continuación, é un fiel resumo do que foi o denso traballo sinodal desde o ano 2012, data na que “o noso arcebispo, Julián Barrio Barrio, convocaba a diocese compostelá para que se embarcase con ilusión decidida neste proxecto”. A mensaxe é, tamén, un texto de chamada a todos os diocesanos desde a esperanza. “Desde esta esperanza”, lese na mensaxe final, “que é desexo e confianza que nos veñen de Deus, dirixímonos a todos os diocesanos para animalos a participar nesta etapa, que pode parecer a máis dura, pero que, coa graza divina, será tamén a máis fecunda, na que as orientacións sinodais haberán de poñerse en práctica. De todos, sacerdotes, relixiosos e segrares, cada un desde a súa propia responsabilidade eclesial, dependerá que todo isto non quede nun soño”.

Mensaxe final do Sínodo Diocesano

Ao concluír o  período de sesións, o Sínodo Diocesano volve inevitablemente a vista cara atrás para lembrar os momentos vividos desde o que xa parece afastado ano 2012, cando o noso Arcebispo, Xulián Barrio Barrio, convocaba a diocese compostelá para que se embarcase con ilusión decidida neste proxecto. A memoria tórnase agradecemento cara ás parroquias e outras comunidades eclesiais que se envorcaron na preparación do sínodo, sabendo que a Igrexa é corresponsabilidade de todos, e en particular aos grupos sinodais que periodicamente se reuniron para reflectir sobre os temas propostos e, a partir de tales reflexións, ofrecer suxestións e propostas concretas para a marcha do sínodo. Tería sido desexable que en todas as parroquias da Diocese se houbese canalizado a voz da comunidade crente para estar debidamente representada. Pero hoxe debe primar a gratitude sobre outros sentimentos.

O noso pastor sinalara, no momento de convocalo, tres eixos ao redor dos cales debía xirar o sínodo: identidade, comuñón e misión. Deste xeito, daba a entender que o sínodo non podía limitarse a unha operación cosmética que embelecese a aparencia da nosa Igrexa polo simple procedemento de maquillar as súas deficiencias máis visibles, senón que tería que chegar ás raíces do noso ser e noso actuar como crentes: que significa ser cristián na nosa sociedade de aquí e de agora, na Galicia do século XXI; como podemos vivir e actuar en canto tales, dentro da Igrexa, e desde a Igrexa cara á sociedade e cara ao mundo; que temos que ofrecer ás persoas do noso tempo; como a nosa mensaxe pode seguir sendo anunciada como boa noticia, en particular para os pobres… A todo iso había que engadir o reto de reorganizar as nosas estruturas pastorais nunha sociedade que ten unha configuración demográfica moi distinta da que había hai unhas décadas, e tendo en conta tamén –sen ser este o estímulo principal, pero sendo desde logo un factor que non se pode ignorar– o descenso no número de sacerdotes, o cal, sen ser unha boa noticia, si pode ser un toque de atención para decatarnos de algo que é propio da Igrexa, e non só dunha Igrexa en crise: a diversidade de ministerios obríganos a recoñecer o papel do laico dentro dela, saíndo da clericalización excesiva a que estabamos afeitos.

Desde esta perspectiva, elaboráronse cadernos de reflexión para os grupos sinodais reunidos en cinco temas: a transmisión da fe, a Igrexa como comuñón, a celebración da fe, a Igrexa na sociedade e a renovación das estruturas pastorais. As achegas dos grupos serviron para redactar os instrumentos de traballo que serían sometidos á revisión e votación pola asemblea sinodal. Froito diso son os cinco documentos aprobados, cada un dos cales consta dunha introdución e unha serie de constitucións que indican liñas de actuación para a nosa diocese no futuro. Estes documentos preséntanse ao bispo para que, coas revisións que considere oportunas, sexan aprobados por el e se convertan así en normativa diocesana. Por suposto, o sínodo non pode entrar nos mínimos detalles, algo que máis ben corresponderá facer aos directorios e estatutos que se promulguen nos próximos tempos, pero si ofrece inspiracións para orientar a nosa vida e pastoral diocesanas.

O sínodo é un acontecemento da Igrexa, e por iso non é de estrañar que moitos dos temas tratados teñan que ver coa súa actuación interna. Mais temos que fuxir da autorreferencialidade. Se queremos unha mellor Igrexa non é para caer na autocompracencia, senón porque estamos convencidos de que só sendo fiel á súa identidade pode ser fiel á súa misión, porque a misión é parte esencial da identidade da Igrexa. Queremos ser mellor Igrexa para ser evanxeo, boa noticia, en particular para os pobres. Temos que estar preto das pobrezas espirituais, de quen perdeu toda esperanza, ou daqueles que esperan sen saber o que esperan. Pero tamén temos que estar preto de quen carece de recursos para levar unha vida axeitada á dignidade humana; de quen se atopa no paro; de quen sofre explotación laboral; das vítimas dos malos tratos; de quen se viu obrigado a abandonar a súa patria en busca de seguridade, física ou económica; dos enfermos e dos anciáns, sobre todo daqueles que sofren abandono; de quen, polas razóns que sexan, está privado de liberdade; dos países que non conseguen saír da dependencia económica para acadar un axeitado desenvolvemento… Como nos ensina a parábola do Bo Samaritano, só aproximándonos poderemos sentilos como próximos nosos. Unha Igrexa que abandona os necesitados, abandona a Cristo.

Por iso, despois de volver a mirada cara ao pasado, temos que facelo agora, de forma decidida, cara ao futuro. Non é pequena a tarefa que se nos presenta ante os ollos, e non é a menor das tentacións a de caer no desánimo ou a frustración ao ver que as cousas non proceden ao ritmo desexado. Quizá algunhas, ou mesmo poida que moitas, das disposicións propostas polo sínodo parezan irrealizables, polo menos a curto prazo. Non se nos ocultan as dificultades, que poden proceder tanto das limitacións materiais, como da escaseza de persoal ou –como temos que recoñecer con tristeza, pero tamén con realismo– das inercias e comodidades en que podemos estar instalados. O sínodo será só papel mollado se a renovación das estruturas non é acompañada por unha conversión nos corazóns. Pouco poderá facer a Igrexa para evanxelizar se os seus membros non admiten nas súas vidas que o evanxeo é a boa noticia para a vida do mundo; se os seus ministros non se convencen de que han de vivir para o evanxeo; se non sentimos a urxencia de ser testemuñas de Xesucristo para anunciar, coa forza do Espírito, o amor de Deus Pai.

Neste sentido, temos que recoñecer que o sínodo non lograría o seu obxectivo se só cambia unha estrutura por outra, pero non consegue facernos sentir con maior intensidade a graza inmerecida da que somos portadores, para facernos así tamén a nós gratuítos cara a ese mundo ao que, como Igrexa, fomos enviados como testemuñas. Pero, e aquí temos que poñer a nosa esperanza, será un éxito se, a pesar das dificultades, a pesar de non poder poñer en práctica inmediatamente todas as súas directivas, provoca no conxunto da comunidade cristiá o desexo de ser cada vez máis fieis a esa vocación ao servicio á que fomos chamados.

Desde esta esperanza, que é desexo e confianza que nos veñen de Deus, dirixímonos a todos os diocesanos para animalos a participar nesta etapa, que pode parecer a máis dura, pero que, coa graza divina, será tamén a máis fecunda, na que as orientacións sinodais terna que poñerse en práctica. De todos, sacerdotes, relixiosos e segrares, cada un desde a súa propia responsabilidade eclesial, dependerá que todo isto non quede nun soño.

Facemos un chamamento ás familias cristiás, para que sexan testemuño ante o mundo dun amor que transcende o inmediato para mostrar a súa vocación de eternidade; para que, a pesar das dificultades económicas e sociais, e mesmo a través delas, saiban mostrar aos homes e mulleres do noso tempo a pervivencia dos valores de unidade, diálogo, comprensión e solidariedade; para que cada vez con máis entusiasmo asuman a responsabilidade na formación integral dos fillos, e en particular para que saiban ser os seus primeiros evanxelizadores e catequistas.

Dirixímonos tamén aos sacerdotes, para que reaviven cada día a vocación primeira, aquela que os impulsou a lanzarse con entusiasmo no seguimento de Xesús para o servicio da súa Igrexa. Non esquezan, sobre todo aqueles que teñen responsabilidades diocesanas ou parroquiais, que en gran medida o éxito ou o fracaso da aplicación do sínodo dependerá deles.  Aínda sabendo que as responsabilidades pastorais son cada vez maiores para un número máis reducido de presbíteros, pedimos que non permitan que o desánimo ou o cansazo freen o impulso renovador deste sínodo, senón que, ao contrario, se convertan nos primeiros promotores da renovación persoal e pastoral da diocese.

Aos membros dos institutos de vida consagrada, das sociedades de vida apostólica e dos movementos eclesiais pedimos que sigan ofrecendo con xenerosidade a súa espiritualidade e o seu carisma, tan necesarios á Igrexa, en consonancia coas orientacións do sínodo diocesano, sabendo que o fin de toda a Igrexa é o mesmo para todos: o anuncio da boa noticia de Xesús, o ser signo e instrumento da unión da humanidade con Deus e da unidade de todo o xénero humano, o levar a santificación do Espírito a todos os fillos de Deus.

A todos os fieis segrares, novos, adultos e maiores,  que conforman a maioría do pobo cristián, pedímoslles que, na medida das súas posibilidades, dentro das actividades específicas da Igrexa como, sobre todo, na súa vida secular, na educación, no traballo, na política, na economía e na convivencia civil, saiban ser portadores na caridade da esperanza cristiá, da que este sínodo só pretende ser un humilde testemuño.

Baixo a protección materna da Virxe María e co patrocinio de Santiago, o Apóstolo Peregrino, pedimos sobre toda a nosa comunidade diocesana a bendición do Pai das grazas, do noso Señor Xesucristo e do Espírito Santo Paráclito.

 

Versión en castelán