Homenaxe a Dositeo Valiñas, párroco de Ribadumia, por 75 anos de vida pastoral

  • Presidiu a celebración relixiosa o arcebispo
  • Os fieis reuníronse con el nunha comida de confraternidade

O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, presidiu os actos relixiosos e de homenaxe ao sacerdote Dositeo Valiñas Fernández, de 98 anos de idade, que cumpriu 75 de vida pastoral nas parroquias de Santa Baia e San Xoán de Leiro, ambas as dúas de Ribadumia. Os actos iniciáronse cunha misa oficiada por monseñor Barrio e na que participaron numerosos sacerdotes da comarca. Finalizada a celebración relixiosa representantes de diferentes colectivos do municipio dedicaron sentidas palabras, entre elas as do alcalde David Castro, e testemuños de homenaxes ao cura Valiñas Fernández ao que lle entregaron diversos agasallos e presentes como un bastón de peregrino ou un pentagrama en cerámica.
Seguidamente descubriuse unha placa conmemorativa nun lateral do templo parroquial. Dositeo Valiñas agradeceu moi emocionado as mostras de agarimo dos seus veciños, e lembrou algunhas das vivencias transcorridas nos 75 anos que leva de labor pastoral na comarca. Os actos concluíron cunha comida na que participaron máis de tres centenares de persoas que achegaron viandas e que se celebrou servida ao amparo dunha carballeira. Diversas actuacións musicais puxeron o colofón a unha xornada de homenaxe ao cura Valiñas que tanto traballou durante os seus anos de apostolado por mellorar a todos os niveis a comarca.

No seu longo historial de actuacións figura ser creador dunha das primeiras Cáritas da diocese, foi un dos grandes impulsores da cooperativa agraria, da Caixa Rural, da vivenda e dispensario do médico, ou do pavillón da Senda, por citar algunhas das múltiples cousas que fixo en beneficio da comunidade.

Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela, da man do director diocesano, José Anuncio Mouriño Raño, sumouse tamén á homenaxe facéndolle entrega da cuncha de vieira que é o agasallo institucional da entidade.

Versión en castelán