Homilía de mons. Barrio na clausura do encontro de presidentes de Conferencias Episcopais de Europa

Queridos irmáns e irmás

Santo Apóstolo Santiago, fai que desde aquí resoe a esperanza! Celebrar o día do Señor é fortalecer a nosa esperanza, pois non debemos esquecer a clave da eternidade para entrar no computador temporal da nosa existencia. A Palabra de Deus neste domingo fálanos da fe. Dicir fe para un cristián é dicilo todo. Estamos na vida como nun castelo. A fe é como esa xanela do noso castelo, que nos ofrece a posibilidade de superación dos nosos límites, unha saída do castelo, unha resposta á necesidade de liberdade e de infinito que levamos no noso corazón. O papa Francisco escribe que “a característica propia da fe  é a capacidade de iluminar toda a existencia do home….Nace do encontro co Deus vivo que nos chama e nos revela o seu amor, un amor que nos precede e no que nos podemos apoiar para estar seguros e construír a vida… A fe que recibimos de Deus como don sobrenatural, preséntase como luz no carreiro que orienta o noso camiño no tempo… Decatámonos, por tanto, de que a fe non habita na escuridade, senón que é luz nas nosas tebras”.

Tamén como o profeta Habacuc podemos dicirlle ao Señor: “Por que me fas ver desgrazas”? Ás veces temos a impresión de que a situación do mundo é insoportable. Pensamos que Deus poida ser un mero espectador. O mal envólvenos e pensamos que Deus debería intervir axudando a mellorar todo. Ao profeta respóndeselle: “ten paciencia, axiña chegará a salvación”. El manifestará: “O xusto vivirá da súa fe”, é dicir, o xusto será salvado pola fidelidade a Deus. No esencial esta é a resposta do libro da Apocalipse no que se escribe: o home grita: “Ven!” e o Señor responde: “Si, vou chegar enseguida”. Pero hai agora unha diferenza en relación á visión do profeta Habacuc: o cristián non soamente espera senón que loita xunto con Cristo na batalla entre o ben e o mal, na que a aparente derrota é xa unha forma de triunfo.

Paulo escribe que somos xustificados e teremos a vida eterna só mediante a fe en Cristo, morto polos nosos pecados e resucitado pola nosa salvación. Esta é a vitoria que venceu o mundo, a nosa fe (1Xn 5,4). Venceu o mundo xudeu que se gloriaba da súa lei, o mundo grego que se fiaba da súa sabedoría, o mundo romano que se cría invencible polo seu poder. E venceuno co martirio.  “Deus non nos deu un espírito covarde”, senón un espírito de enerxía, amor e bo xuízo. Hai que avivar en nós o lume dese espírito. A forza atópase precisamente no amor sensato e prudente para traballar polo Evanxeo conforme ao exemplo dos santos.

“Se tivésedes fe como un gran de mostaza, poderías dicir a esta morera: arríncate  e plántate no”mar . É o eco das palabras de Xesús á samaritana: “Se coñeceses o don de Deus” (Xn 4,10). Atopámonos nese punto misterioso onde a omnipotencia de Deus se atopa coa liberdade humana. O cristián cre en Xesús que como sol da nosa fe, ilumínaa, dálle calor, faina frutificar. Crer en Xesucristo significa confiarse, esixe abandonarse, e dá un apoio sólido. A fe, fundamento das cousas que se esperan, desemboca na esperanza. Pero “non se pode abrir o proceso da esperanza sen instituír ao mesmo tempo o do amor”, porque a fe funda a esperanza e o amor acrecéntaa. Así facemos crible o amor de Deus que non abandona a ninguén. A rocha do meu corazón é Deus (Sal 18,23), proclama o salmista. A fe que prefiro, di Deus, é a esperanza, escribe Peguy. Crer non é sentar a esperar ata que veña o Señor e nos sirva coa súa graza, senón que a fe obtén a súa inconcibible eficacia no servizo ao Señor, que se fixo servidor de todos, considerando como algo natural que sirvamos xunto con el; e isto significa que hai que servilo “porque onde estou eu alí estará tamén o meu servidor” (Xn 12,26). Oxalá poidamos dicirlle: “Somos uns pobres servos, fixemos o que tiñamos que facer”.

Hoxe coa intercesión da Virxe María pedimos como os Apóstolos: “Aumenta a nosa fe” (Lc 17,5), e como o pai do fillo posuído por un espírito inmundo: “Creo, pero axuda a miña falta de fe” (Mc 9,24). Deus axúdanos e tamén o Apóstolo Santiago! Amén.

Versión en castelán