Homilía de mons. Barrio no 50 aniversario da fundación de Feiraco

Saúdo con todo afecto ao Presidente e membros da cooperativa láctea Feiraco que naceu de Cáritas Interparroquial de Negreira, participando de maneira moi activa os párrocos de Barcala e A Maía xunto con outros de Céltigos, Dubra, Soneira e por suposto coa participación de gandeiros da zona, homes e mulleres. Para todos, o meu recoñecemento e agradecemento por esta iniciativa que tanto contribuíu ao desenvolvemento da Galicia rural, dándolle viveza, animación e calidade a tantos espazos rurais da nosa comunidade.

Ao cumprir os cincuenta anos da cooperativa é momento de mirar ao pasado con gratitude e desde o noso presente mirar ao futuro con novos proxectos e iniciativas como Cooperativas Lácteas Unidas. Agradezo ter esta oportunidade de facer unha lectura desta realidade coa luz da Palabra de Deus. Día a día temos que descubrir a gratuidade de Deus connosco. El móstranos mediante a nosa conciencia, a súa revelación, a Igrexa e os nosos semellantes o que podemos facer e en que sentido debemos facelo, actuando en paz e gratitude. No evanxeo de hoxe advírtesenos: “O que acumulaches, de quen será?”. A advertencia de Xesús consiste simplemente en que o home non debe converter o medio no fin, identificando o seu ser co aumento do posuír. O absurdo deste risco ponse de relevo na nosa morte, momento no que temos que responder da nosa vida ante Deus. Ese día non levaremos detrás o camión de mudanzas, como di o papa Francisco. Non é tanto a preocupación de quen vai a ser o acumulado. A cuestión que nos expón Xesús é outra: “non amontoedes tesouros na terra, onde a couza e o caruncho os roen. Amontoade tesouros no ceo.  Ante Deus o importante non será a cantidade do ter senón a calidade do ser. Deus é o tesouro: “Onde está o teu tesouro alí está o teu corazón”.

Neste contexto apreciades os logros conseguidos, pensando en melloralos no futuro para o ben dos que veñan detrás. E alégranos. Na nosa comunidade galega é evidente a importancia do sector agro-gandeiro que estades a xestionar con responsabilidade e capacidade para protexelo e desenvolver as súas potencialidades. “Dada a magnitude dos cambios, xa non é posible atopar unha resposta específica e independente para cada parte do problema. É fundamental buscar solucións integrais que consideren as interaccións dos sistemas naturais entre si cos sistemas sociais”[1], mellorando o benestar, combatendo a pobreza, defendendo a dignidade da persoa e coidando a natureza.

Non se conseguen estes obxectivos se non miramos ao ben común, principio unificador na ética social e que é “o conxunto de condicións da vida social que fan posible as asociacións e a cada un dos seus membros o logro máis pleno e máis fácil da propia perfección”[2]. O desenvolvemento da cooperativa para a optimización dos recursos propios é unha realidade na que estades implicados vendo as vantaxes e non ignorando as dificultades. Isto comporta “xerar unha maior responsabilidade, un forte sentido comunitario, unha especial capacidade de coidado e unha creatividade máis xenerosa, un entrañable amor á propia terra, pensando no que se deixa aos fillos e aos netos”[3]. Hai que ter sempre presente como denominador o ben común, a xenerosidade, a iniciativa e a solidariedade como compás orientador. “Os mellores mecanismos terminan sucumbindo cando faltan os grandes fins, os valores, unha comprensión humanista e rica de sentido que outorguen a cada sociedade unha orientación nobre e xenerosa”[4]. Non se debe solucionar o propio sen ter en conta o dos outros. É necesaria a renovación tecnolóxica sen esquecer que a rendibilidade non pode ser o único criterio. Isto esixe unha avaliación coa participación de todas as partes interesadas para non poñer en risco o futuro. “O coidado da natureza é parte dun estilo de vida que implica capacidade de convivencia e de comuñón. O amor fraterno só pode ser gratuíto, nunca pode ser un pago polo que outro realice nin un anticipo polo que esperamos que faga. Por iso podemos falar de fraternidade universal”[5]. Os seres humanos non somos meros beneficiarios senón custodios dos demais. Neste cincuenta aniversario felicítovos cordialmente polo que fixestes e suxírovos que xa pensedes no que podedes facer, lembrando a tantas persoas que xa non están connosco e que contribuíron a levar adiante este proxecto. Deus axúdanos e o apóstolo Santiago.

[1] Francisco, Evangelii gaudium, 139.

[2] Ibid., 156.

[3] Ibid., 179.

[4] Ibid., 181.

[5] Ibid., 228.

Versión en castelán