Homilía de mons. Barrio no acto de desagravio á Virxe do Pilar e ao apóstolo Santiago

Esta tarde tamén eu desexaría que nos atopásemos sobre todo para darlle grazas a Deus ou pedirlle por unha necesidade entre tantas que nos afectan. Pero o motivo é o desexo de desagraviar á Virxe María, a nosa nai, baixo a advocación do Pilar, e ao apóstolo Santiago, o noso patrón e patrón de España, polas ofensas blasfemas que se lles fixeron días atrás no entroido. Nin este contexto nin unha liberdade de expresión mal entendida de ningún xeito poden xustificar estas faltas do debido respecto aos demais e carentes de bo gusto. Manifestacións como estas dóennos, feren os nosos sentimentos relixiosos e fannos sufrir.

É verdade que estas ofensas non minoran un chisco a gloria e a felicidade que os santos xa viven en Deus Pai, pero nós, peregrinos cara á cidadanía celestial, en comuñón de relacións profundas e misteriosas pola unión de todos os fieis en Cristo, queremos sentirnos próximos e desagraviar como mostra de afecto eclesial e agradecemento a María como nai nosa e ao Apóstolo como amigo do Señor e fundamento da tradición apostólica que alicerza a nosa fe. A súa protección e intercesión sempre foron e seguirán sendo benéficas para nós.

As correntes laicistas están a xerar unha cristianofobia que se manifesta no que estes días estamos a padecer. Sufriuno María xunto á cruz onde o seu Fillo morreu pola nosa salvación e experimentouno o apóstolo Santiago que porque Herodes quería silenciar a Igrexa, mandouno degolar. De diversas formas, pero é o afán de tantos que na historia queren instalar o home na finitud humana desde a que se relativiza “a beleza da verdade, a forza liberadora do amor de Deus, o valor da  fidelidade incondicionada a todas as esixencias da lei do Señor, mesmo nas circunstancias máis difíciles”, e destrúese a cultura cristiá que nos ofrece valores e ideais suficientes e necesarios para a construción dunha sociedade solidaria e esperanzada, con vocación de unidade no respecto ás propias identidades.

Crin, por iso falei, tamén nós cremos e por iso falamos” (2 Cor 4,13). A fe é un tesouro que “levamos en vasillas de barro, para que se vexa que unha forza tan extraordinaria é de Deus e non provén de nós” (2 Cor 4,7). A percepción equivocada de vivir nun mundo que parece ser do todo obra humana, dificúltanos descubrir a presenza e a bondade de Deus Creador por iso Xesús desde a Cruz dirá: “Pai, perdóaos porque non saben o que fan”. Ou talvez si, pero equivocados. O apóstolo san Paulo anima a nosa esperanza, describindo o horizonte no que a comunidade cristiá está chamada a camiñar: “Atribulados en todo, mais non esmagados, apurados pero non desesperados, perseguidos pero non abandonados, derrubados mais non aniquilados, levando sempre e en todas partes  no corpo a morte de Xesús, para que tamén a vida de Xesús se manifeste na nosa carne mortal”. Podemos dicir: cando somos débiles, entón somos fortes, apoiados na graza de Deus. O camiño para percorrer indícanolo a pasaxe do Evanxeo que acabamos de escoitar. Cando Xesús se sente rexeitado nunha aldea de samaritanos, “ao ver isto Santiago e Xoán, dixéronlle: Señor, queres que digamos que baixe lume do ceo que acabe con eles? El volveuse e rifounos”. “Deus non se comprace na morte do pecador, senón que quere que se converta e viva”. No Bo Pastor sempre prevalece a bondade aínda que non oculta nunca a verdade. Só coa luz da misericordia de Deus podemos enfrontarnos a nosa propia miseria e á dos demais, de non ser así a cruz non se pode soportar. Por iso nun mundo sen misericordia todos tratamos de xustificarnos. “Cando o home se esquece, pospón ou rexeita a Deus, creba o sentido auténtico das súas máis profundas aspiracións, e altera desde a raíz a verdadeira interpretación da vida humana e do mundo”. Chamo a recuperar a centralidade da dimensión relixiosa na vida que é o que fai progresar integralmente o home. Marxinar a Deus non libera o home. O testemuño da Virxe María e do apóstolo Santiago indícanos que podemos vencer o medo coa fe, o cansazo coa esperanza cristiá, e a indiferenza co amor, superando os nosos desexos desordenados e seguindo a Cristo, “camiño, verdade e vida”. A crise da conciencia e vida moral está a afectar os costumes e principios inspiradores da conduta moral e xerando desconfianza. Fiarnos de Deus é recuperar a confianza, superando todo relativismo. Valoremos “todo o verdadeiro, nobre, xusto, puro, amable, laudable, todo o que é virtude ou mérito para telo en conta” (cf Fil 4,8). Deus axúdanos, a Santísima Virxe e o apóstolo Santiago.

Versión en castelán