Homilía de mons. Barrio no funeral pola parella de Pontecesures vítima dos atentados de Sri Lanka

“Oh Deus, a túa bondade e a túa misericordia acompáñanme todos os días da miña vida e habitarei na casa do Señor por anos sen termo”. De maneira especial diríxome con cordial afecto a vós, queridas familias, que perdestes aos vosos seres queridos, María e Alberto. Quero enxugar as vosas bágoas e aliviar a vosa dor lembrando o que Xesús nos di: “Eu son a resurrección e a vida. O que cre en min aínda que morrese vivirá, e todo o que cre e vive en min non morrerá para sempre”, compartindo os vosos sentimentos e estando ao voso lado. Acompáñovos e acompañámosvos. Non vos sintades sos na vosa dor. Desexo iluminar o voso estado de ánimo coa luz da Palabra de Deus, aínda que apenas a tristeza volo permita e cando os sentimentos coas bágoas dificultan albiscar a mañá da resurrección e pechan o paso á paz sosegada. Deus vela coa súa providencia pero non sabemos o que ten previsto nas nosas vidas. Con fe dicimos “sei que o meu redentor vive e ao fin erguerase como fiador sobre o po e detrás da miña pel eu mantereime ergueito e desde a miña carne verei a Deus”.

“Estaremos sempre co Señor” (Ts 4,17). Non nos é precisa aos crentes outra razón para vivir e morrer con esperanza, que esta luminosa afirmación do Apóstolo Paulo. Estar sempre co Señor, e participar da súa gloria. “Por Cristo e en Cristo ilumínase o enigma da dor e da morte, que fóra do seu Evanxeo ataféganos” (GS 22). Unha morte, a dos nosos irmáns, causada por un ataque terrorista, sempre inxusto e indiscriminado, perverso e nunca xustificable.

Esta tarde reunímonos en oración para acompañalos nesa travesía última onde nos espera Cristo Resucitado, vida definitiva para os que morreron e consolo para os que aínda vivimos. “O que cre en min aínda que morrese vivirá”, di o Señor. Ao ter noticia recei por María e Alberto pero recei tamén por vós de maneira especial, queridos familiares, porque nós non estamos preparados para afrontar a morte das persoas ás que queremos. Esta comunidade parroquial estremeceuse. Con esta traxedia todos perdemos a unhas persoas que formaban parte da nosa convivencia, da nosa proximidade, do noso afecto. En oración renovamos con eles un diálogo interrompido bruscamente pola morte e consolidamos os vínculos dunha comuñón que a morte non puido romper. “Se morremos con Cristo cremos que tamén viviremos con el” (Rm 6,8). “Precisamente na contemplación da morte de Xesús, a fe refórzase e recibe unha luz resplandeciente, cando se revela como fe nun amor indefectible por nós, que é capaz de chegar ata a morte por salvarnos. Neste amor é posible crer” (Lumen fidei, 16).

A morte, enigma da condición humana, chega sempre inesperadamente. Mentres toda imaxinación fracasa ante a morte, a fe afirma que o home foi creado por Deus para un destino feliz máis aló das fronteiras da fráxil vida terrea e que nos leva na nosa existencia para loitar contra o mal. Cristo morreu por todos e confírenos a esperanza de alcanzar en Deus a vida verdadeira.

A María e Alberto arrebatáronlles as súas vidas cando tantos proxectos e tantas esperanzas enchían o seu horizonte diario. É difícil entendelo. Queridas familias, sei que estades a vivir unha dor intensa. Pero non esquezades que Deus está sempre connosco, tamén na nosa dor, sufrimento e morte. As experiencias do mal, do sufrimento e da morte que parecen contradicir o amor de Deus, poden estremecer a fe e chegar a ser para ela unha tentación. Xesús dinos: “Non perdades a calma. Crede en Deus e crede tamén en min”. De maneira especial temos que mirar a cruz de Cristo e a súa morte, forma concreta en que EL asume a nosa condición humana, chegando a gritar: “Meu Deus, meu Deus, por que me abandonaches?”. Non somos un berro no baleiro. Non serán poucas as veces que tamén gritedes interiormente ante este misterio, porque ante a morte dun ser querido todo parece un mal soño do que un espera saír en calquera amencer. A morte das persoas queridas leva consigo parte de nosas propias vidas. Por iso toda tristeza pola morte do ser querido é sacra.

Nas situacións límite e esta é unha, nas que é máis forte a tentación para desesperar, a fe en Xesucristo Resucitado reafírmanos na convicción de que a última palabra tena Deus e é sempre unha palabra de vida. “Na vida e na morte somos do Señor, pois para iso morreu e resucitou Cristo”. Só esta esperanza pode aliviar a perda dos seres queridos e dar sentido ás súas vidas e ás súas mortes. Convosco invoco a misericordia de Deus. Grazas a todos pola vosa presenza, oración e solidariedade cristiá. Deixemos o destino dos nosos irmáns nas súas divinas mans con dor pero con paz, con bágoas pero con esperanza. Hoxe sentimos a necesidade de corazón de ofrecerlles a eles a axuda afectuosa da nosa oración pedindo que participen da felicidade eterna con Deus Pai. Á Virxe, consolo dos afligidos, pedímoslle que os teña acollido baixo o seu amparo. O Deus da paz e da esperanza sexa para todos nós fortaleza. “Nada poderá arrincarnos do amor de Deus”. Amén.

Versión en castelán