Homilía de mons. Barrio na Eucaristía de acción de grazas polo centenario da Institución Pai Rubinos

Queridos: Sr. Presidente da I. B. S., Membros da Xunta Directiva, Autoridades, Sacerdotes, Relixiosos e Laicos, Persoas acollidas nesta Institución, Irmáns e Irmás no Señor.

Dou grazas a deus ao celebrar o centenario desta Institución Benéfico Social Pai Rubinos que conta cunha historia que lle honra e que nos enorgullece. Recoñezo tamén con gratitude a xenerosidade e dispoñibilidade de tantas persoas, empezando polo seu Presidente, e institucións que fixeron e están a facer hoxe posible esta bela historia de xustiza e caridade, mirando ao futuro. A Escola Infantil, o Albergue de Transeúntes, a Residencia de Anciáns, o roupeiro e o comedor social configuran esta Institución, e os rostros das persoas atendidas aquí humanizan a nosa sociedade. Facendo memoria do pasado con agradecemento referímonos a Sor Joaquina entre as Fillas da Caridade e ao P. Antonio Rubinos, persoas queridas e valoradas que se converteron en referentes inequívocos, como bos samaritanos, que descubriron a situación de tantas persoas nas marxes do camiño da existencia e non deron rodeos senón que as miraron desde Deus. O P.  Rubinos dicía que o Refuxio, orixe remota da actual Fundación, debía ser sempre “un posto de defensa e de abrigo; unha estación de parada e fonda para o náufrago da vida, para o desorientado ou desprazado da sociedade… unha Casa aberta día e noite para recibir a todos, sen máis instancias nin documentos que a propia necesidade e indigencia, que en moitos casos non admite trámites nin dilacións”. Son palabras dunha asombrosa, e, ao mesmo tempo, dramática actualidade.

O cristianismo ensina que do pasado vén a esperanza para o futuro, a esperanza está na historia e o home ao mirarse nela abrirase ao futuro. A vida de fe, do mesmo xeito que a existencia humana, ten as súas zozobras e inquietudes. “Todo ten o seu tempo e o seu momento”. Tempo para nacer e para morrer, pasando polas diversas circunstancias en que se desenvolve o noso nacemento e a nosa morte: ferir-curar, gañar-perder, gardar-tirar, romper-coser, calar-falar, amar-odiar, guerra-paz. En todo debemos actuar como fillos de Deus. Con frecuencia dicimos que nos falta tempo. O noso é atopar tempo tanto para a oración como para o apostolado, tanto para a reflexión como para a actividade, tempo para dedicarllo a Deus e tempo para dedicarllo aos irmáns e a un mesmo, tempo para o traballo e tempo para o descanso. Hai que colocar cada actividade no seu lugar en torno ao eixo integrador que é Cristo para ser os seus discípulos e vivir como el viviu. Hoxe, tamén nos pregunta: “E vós, ¿quen dicides que son eu?”. A resposta de Pedro é: “O Mesías de Deus”. ¿Cal é a nosa? Talvez que é un máis da nosa lista de coñecidos pero que non nos seduciu coa súa vida, morte e resurrección para vivir sen tristeza nin decaimiento. Oxalá puidésemos dicir como Pablo: “para min a vida é Cristo”, confesándolle como o apóstolo Santo Tomás: “Señor meu e Divos meu”.

No noso retorno a Deus ao final dos nosos días haberá un discernimiento cuxa descrición nos conmove. “Todo o que facemos ou non facemos co máis humilde dos nosos irmáns, facémolo ou deixamos de facer con Cristo”, que sente solidario dos máis humildes: os famentos, os sedientos, os forasteiros e os sen teito, os enfermos. Cando nos atopamos cos máis necesitados material e espiritualmente, estamos a atoparnos xa co propio xuíz. A relación entre amor a Deus e amor ao próximo é inseparable. Dicir que amamos a Deus é unha mentira  se nos pechamos ao próximo. Só a luz da nosa vida entregada ao servizo dos demais ilumina os nosos ollos para ver o que Deus fai por nós e o moito que nos ama. O programa do cristián é un corazón que ve e sente aos demais.

No peregrinar da nosa fe sabemos cando é tempo de falar de Deus e cando é oportuno calar sobre El, deixando que fale só o amor. A mellor defensa de Deus e do home consiste precisamente no amor. Temos que ser testemuñas cribles de Cristo. Amar á Igrexa, ter predilección polos pobres e comunicar o Evanxeo han de seguir sendo as estrelas que iluminen noso peregrinar nas noites da nosa fe. Acollamos o amor de Deus para sentirnos impulsados a amar aos demais, sobre todo aos máis necesitados. Coa miña oración e agradecemento a todas as persoas que coa entrega da súa vida están a facer posible que esta Institución e sobre todo as persoas que a ela acóllense, teñan vida. Amén.

Versión en castelán