Homilía de mons. Barrio na eucaristía da Asemblea de Catequistas 2019

“Non te houbese eu atopado se ti non me buscases primeiro”. Esta reflexión de santo Agostiño anima a nosa esperanza ao saber que Deus está sempre pendente de nós. Acompáñanos e déixase acompañar por nós, pois a súa delicia é estar cos fillos dos homes. Neste convencemento tan clarificador entendemos o lema desta Xornada da Asemblea Diocesana de Catequistas: “Acompañantes no camiño da fe”.

Na liturxia de hoxe comezamos o camiño cara á Pascua, plenitude do misterio de Cristo. Que primicias temos que ofrecer ao Señor? A ofrenda das mesmas aparece asociada a unha antiga confesión de fe de Israel. As primicias dos froitos da terra pertencen a Deus e os dons que levaban na cesta non son máis que a imaxe simbólica da actitude interior de fe. O evanxeo relátanos que “durante corenta días, o Espírito foi levando a Xesús polo deserto”. Foi un tempo de exercicio solitario da súa relación con Deus Pai. El que tomou sobre si o noso pecado, quixo tamén coñecer as nosas tentacións co seu enganoso poder de sedución. A Xesús que non probara bocado durante corenta días, un pan ao alcance da man debeu parecerlle apetecible; a posesión deste mundo que el debía levar ao Pai, desexable; e o milagre que se lle propuxo facer, moi útil para afirmar a súa posición ante o pobo. Por que elixir os carreiros tan complicados da humilde renuncia? A resposta dánola Xesús na réplica ao diaño. Non é unha fórmula aprendida de memoria, senón amarga e traballosamente conseguida. É unha manifestación de fe existencial. Non supedita o divino ao triunfo persoal do humano entre os homes. Como Cristo nos seus corenta días polo deserto, contamos coa forza do Espírito Santo e na Eucaristía atopamos o pan do ceo que alimenta a fe, consolida a esperanza e fortalece a caridade. Coa súa forza podemos vencer as tentacións e facer a nosa profesión persoal de fe. A palabra de fe que a Igrexa anuncia está preto: nos beizos e no corazón do crente, porque esa palabra é o mesmo Cristo. É unha palabra que o crente ha de pronunciar e ninguén pode facelo por el. Esta afirmación implica estar disposto a sacar as consecuencias para a propia vida. A confesión de fe no Señor, a entrega de si que nela se expresa, proporciona xustiza e salvación.

A catequese é un ministerio que comporta a oración e a renuncia, superando os criterios persoais, os engreimientos humanos e a alerxia comodona ao misterio da Cruz de Cristo. Mentres catequizades, facédesvos testemuños de Cristo, cunha fe que motiva, cunha esperanza que orienta e cunha caridade que realiza o sentido da vida. Esta é a mensaxe que levades nas vosas alforxas, deixando tamén os denarios do Espírito para a curación, como bos samaritanos. Seguide dando a coñecer a vida e a historia de Cesús non só con palabras senón co voso estilo de vida.

Este encontro enche de esperanza. O Espírito actúa na nosa Igrexa e renóvaa no medio dunha sociedade satisfeita de si mesma que se nega a ser inquietada pola pregunta sobre o sentido da vida. Falade sen complexos, sen medos, dade sen medida o que xenerosamente recibistes, e esperade a que o milagre se realice no corazón de quen escoita.

Hai que gastar o noso tempo cos demais, sen présas, cun diálogo sereno, estar próximos ao Mestre, escoitar a súa palabra e poñer a nosa confianza nel. Con iso afirmamos que “non será unha fórmula a que nos salve senón unha Persoa e a certeza que ela nos infunde”. Sodes como iconas do rostro de Moisés e de Cristo, cheos de esperanza que vén non de nosas propias forzas ou o noso carácter optimista, senón da presenza continua do amor que nos acompaña: Só quen recoñeceu en Cristo o Mestre e Señor, ten experiencia de primeira man e está capacitado para chamar a outros e percorrer o camiño con eles.

Moitas grazas por todo o que estades a facer na nosa Igrexa diocesana. A Virxe María é a mestra experta no Evanxeo. Asumide o compromiso do Apóstolo Santiago con intrepidez evanxélica, dicíndolle ao Señor: “Somos capaces de beber este cáliz”. A nosa diocese mostra unha relixiosidade popular como un espontáneo sentido de fe. Hai que volver ao feito cristián fundamental, identificándonos coa persoa e a historia de Xesús, e dando testemuño de que o cristianismo é o modo máis fascinante de vivir a propia humanidade. O destino da Igrexa non depende de nós. O froito non está nunca nas nosas mans. Non nos paremos ante o que pode parecer un resultado errado. Como escribe o papa Francisco, “na boca do catequista volve resoar sempre o primeiro anuncio: Xesucristo ámate, deu a súa vida para salvarte, e agora está vivo ao teu lado cada día para iluminarte, para fortalecerte, para liberarte… Anunciar a Cristo significa mostrar que crer nel e seguilo non é só algo verdadeiro e xusto, senón tamén belo, capaz de ateigar a vida dun novo resplandor e dun gozo profundo, aínda no medio das probas” (EG 164.167).

Versión en castelán