Homilía de mons. Barrio na eucaristía en honra de San Rosendo no Seminario Menor Compostelán

“Deus é admirable nos seus santos”. Encomiamos a grandeza e a gloria de Deus que nos chamou en Cristo aos bens da salvación e proclamamos con gozo a San Rosendo, lembrando que Divos Pai en Cristo pola acción santificadora do Espírito descobre cada día o seu amor incondicional por toda criatura humana chamada á conversión.

A festa de San Rosendo ha de ser para nós ocasión providencial de renovación espiritual, acollendo a bondade de Deus sobre nós. Por iso dicimos: “Bendito sexa o Deus e Pai do noso Señor Xesucristo, que nos bendixo con toda clase de bendicións espirituais, nos ceos, en Cristo; por canto elixiunos nel antes da fundación do mundo, para ser santos e  inmaculados na súa presenza, no amor” (Ef 1,3-5). É o plan que Deus ten para as súas criaturas cando nelas atopa dispoñibilidade, xenerosidade e valentía.

Así o vemos reflectido nesta figura insigne da Igrexa que peregrina en Galicia e que foi o Bispo San Rosendo, administrador dos bens de Deus, servidor da Igrexa e home posto ao servizo dos homes que traballou pola renovación espiritual da sociedade. Fillo insigne de Galicia e honra de España, monxe por vocación e bispo por obediencia, admirado pola súa saber e amado pola súa bondade, cunha actividade incansable e cun incuestionable prestixio, reconstruíu mosteiros e igrexas, traballou pola paz, fomentou as obras de misericordia, reavivando a vida cristiá. Nel reflíctese a figura do Bo Pastor que busca a ovella perdida e sente compaixón polas que andan sen pastor.

É un  santo cuxa protección e devoción están na memoria espiritual da Galicia cristiá porque interpretou desde a fe a situación que lle tocou vivir na súa peregrinar á santidade. No medio das cambios históricos buscou novos camiños para evangelizar, posibilitando un diálogo entre fe e cultura, entre a oración e o traballo, actitude que é sempre ese esforzo de reflexión sobre o misterio do mundo e en particular da persoa humana, e que é un modo de expresar a dimensión transcendente da visión cristiá, sen ceder a esixencias acomodaticias. Unha vida en santidade proxéctase sempre á eternidade. Por iso non podemos   contentarnos cunha relixiosidade superficial, vivindo na mediocridade.

O testemuño de fe de San Rosendo no seguimento de Cristo, principio e fin, clave e centro de toda a historia humana, lévanos a preguntarnos ¿quen somos? e ¿quen é Deus?, a ser sensibles á nosa tradición cristiá e a contemplar a Cristo que fortalece e renova a nosa esperanza na dedicación cotiá ás nosas tarefas superando a angustia, a indiferenza e o desencanto que nos dificultan o exercicio da caridade.

Na nosa vida todo é graza. É a primacía da graza como principio esencial da comprensión cristiá da existencia. Cristo ensinounos o camiño para chegar desde a nosa experiencia humana e desde o noso mundo de pecado á experiencia profundamente relixiosa e ao mundo vivificante da graza. O crente ha de ser “fermento e alma da sociedade humana, que debe ser renovada en Cristo e transformada en familia de Deus”. San Rosendo, animador e custodio da fe lémbranos a evangelización de san Martín de Dumio e de san Fructuoso. Os santos sempre ofrecen certezas que nos axudan a camiñar. Fagamos nosa a herdanza de San Rosendo. Crezamos na fe e no impulso misioneiro e situemos toda a nosa vida na perspectiva da santidade. Proclamemos nosa fe, celebrémola e vivámosla. Amén.

Versión en castelán