Homilía de mons. Barrio na festividade do Nª Sª do Pilar

Moitas felicidades, queridos membros do Corpo da Garda Civil e familiares na festividade da vosa Patroa! Alégrame rezar convosco, tendo en conta as vosas intencións, e facelo baixo o amparo da Virxe do Pilar.

Hoxe pedides o seu auxilio no medio da realidade que toca vivir para darlle sentido desde as vosas conviccións relixiosas. Dicídeslle con sinxeleza: “Ti es es o orgullo do noso pobo”. Recoñecemos que María é distinta pero non distante: unha nai nunca é distante. Da súa man queremos chegar a Cristo: ninguén mellor que unha nai para chegar ao fillo e así configurarnos con el, que é o camiño, a verdade e a vida. Imitar a María é aprender a realizar con humildade o que Deus quere de nós. Ela díxolle Si a Deus e foi coherente. Exemplo para nós que tantas veces programamos a nosa vida á marxe de Deus, confiando na nosa autosuficiencia, deixándonos levar por utopías terreas que non poden suscitar unha esperanza capaz de vencer o destino fráxil e mortal dos humanos, e buscando en lugar da gloria de Deus a gloria humana, sen ter en conta a nosa vocación á eternidade.

A Virxe María é sempre unha instancia de graza e de refuxio. Cando acudimos a ela, dinos como nas vodas de Caná aos serventes: Facede o que el vos diga”. Este é o fío co que ides tecendo o tapiz da vida no quefacer da vosa misión, non sempre comprendida e correspondida con gratitude. Dificultades non faltan pero traballades por unha convivencia ética e moral durante o día e a noite, cunha entrega xenerosa e denodada ao ben común, tratando de salvagardar a dignidade da persoa en toda circunstancia. “Só se é persoa en relación, amor e servizo ao outro” . Esta actitude dános confianza no medio de tantas veleidades que repercuten negativamente na vida persoal e social. Vosa, a nosa misión, é vencer sempre o mal, lado escuro da vida, coa forza do ben, para configurar unha sociedade máis humana e fraterna na que a lóxica do poder ten que cambiarse pola do servizo, a da posesión pola do don, a do interese persoal pola da gratuidade. “A vida moral é risco e require coraxe en todos os seus momentos”, escribe N. Hartmann.

A Virxe María, como arca da nova alianza, signo da presenza de Deus no medio do seu pobo, é Pilar sólido que sostén a nosa fe en Deus, anima a nosa esperanza camiñando cara á eternidade e aviva o noso amor a Deus e ao próximo. A columna é o símbolo e a “manifestación da potencia de Deus no home e a potencia do home co poder de Deus”. A tradición transmítenos que María se apareceu ao apóstolo Santiago o Maior para alentalo na ardua tarefa evanxelizadora. Desde entón o Pilar é “o símbolo da firmeza na fe”. Tamén hoxe pedimos por mediación da Virxe do Pilar que a nosa fe se fortaleza, e que deamos testemuño das nosas conviccións cristiás. “Ditosa ti porque criches porque o que che dixo o Señor cumprirase”. Como María comprometámonos no movemento de solidariedade e fraternidade. “Máis benaventurados aínda os que escoitan a Palabra de Deus e a cumpren”, dixo Xesús referendando toda a grandeza sobrenatural da súa Nai pola singularidade da súa fe, viva e operante, máis aló do sentimentalismo superficial que aquel eloxio encerraba aínda coa mellor intención. No canto do Magnificat atopamos as claves para dar sentido á nosa vida. Non é o poder e a ambición senón a humildade e o desprendemento o que posibilita que Deus faga grandes obras en nós.

Coa memoria do corazón lembramos a todos os membros do Corpo da Garda Civil falecidos. Pido por vós e polas vosas familias. Santa María, Virxe do Pilar, “faro esplendente e de gloria, consolida a fe dun pobo que non se cansa de repetir na Salve: Móstranos a Xesús”. Con confianza invocamos a túa protección materna e dicímosche: guíanos sempre e sé a seguridade na que se apoia a nosa vida. Amén.

Versión en castelán