Homilía de mons. Barrio na Festa da Sagrada Familia

Agradezo a vosa participación nesta Eucaristía na que as familias da Diocese agradecen a Deus o don da familia e piden bendicións para elas, de maneira especial para as que están a pasar momentos de inclemencia. Saúdo con afecto aos nenos e aos mozos, aos adultos e aos anciáns neste atardecer sabendo que a Igrexa é familia e que a familia é igrexa doméstica.

Ser familia e actuar en familia implica xestar día a día a acollida e a convivencia, abrir as portas ao perdón e á reconciliación, querer e optar por dignificar a vida en todo ser humano. María e Xosé eran pobres e humildes traballadores, e vivían a súa existencia cotiá desde a perspectiva de Deus que é familia e quixo facer do propio fogar “un santuario”. A vida familiar coas súas luces e sombras, as súas alegrías e sufrimentos, as súas sorpresas e rutinas, está bendicida por Deus. A familia é un dos ámbitos onde máis fondamente está a incidir o cambio sociocultural que a está afectando na experiencia relixiosa compartida e na primeira transmisión da fe aos fillos, reto para a nova evanxelización. Respectar a singularidade dos membros da familia, encarnar a igualdade na dignidade do home e a muller e vivir na unidade solidaria do amor como signo da Nova Alianza entre Deus e a familia humana axuda a discernir a proximidade ou distancia de cada familia en relación ao ideal cristián.

Vivir orientados desde a vontade de Deus é o que nos propón a primeira lectura, insistindo en honrar, respectar e coidar os pais quen coa súa experiencia son dignos de atención, e coa súa debilidade merecen un trato diligente e cariñoso. Como lles corresponderemos os fillos ao que fixeron por nós?

O apóstolo Paulo lémbranos que, da experiencia de ser perdoados por Deus, nace o perdón aos demais; de atopar a paz no Señor xorden os valores dunha vida pacificada; da escoita da Palabra divina flúe unha relación gozosa con Deus. E todo iso conforma unha vida chea de afecto, de reconciliación e de loanza, realidades que conforman a realidade da familia. Necesitamos afinar os silencios da nosa alma para escoitar a voz de Deus.

Así o fixo a Sagrada Familia que camiñou na fe no medio das súas vicisitudes. María e Xosé sorpréndense e angústianse, pero son fieis á súa misión, conservando moitas cousas no seu corazón. Xesús queda en Xerusalén. Escoita, pregunta e busca respostas. Debendo estar nas cousas do Pai, acepta o compromiso da súa misión evanxelizadora. Volve a Nazaré baixo a autoridade de Xosé e de María mentres vai crecendo en sabedoría, en estatura e en graza ante Deus e ante os homes. Esta actitude é un desafío para cantos adoitamos contentarnos co que hai. O relato do evanxeo parece unha crónica sacada dunha familia dos nosos días. Uns pais angustiados porque o seu fillo non volve á casa  despois dunha festa. Van na súa procura e talvez non o atopan no templo ou si, en todo caso deben entendelo e manter a súa confianza nel.

A familia cristiá ha de reflectir o rostro bondadoso de Deus, descubrindo a gran esperanza baseada no seu amor incondicionado que ofrece ao home[1], onde a liberdade crece na verdade. Na familia, segundo o plan de Deus, é posible experimentar o amor máis parecido ao amor de Deus, porque na familia ámasenos sen condicións, non polo que facemos ou temos senón polo que somos; non se nos quere polas nosas calidades ou capacidades nin se nos deixa de querer polas nosas limitacións e defectos. Canta bondade, dedicación e dispoñibilidade no coidado dos nenos, novos e maiores en circunstancias ás veces difíciles para a familia! Queridos esposos, sede misericordiosos coas debilidades mutuas! Sede misericordiosos cos vosos fillos! Mirádevos sempre cos ollos do corazón! A comprensión é o bálsamo con que superaredes as tensións propias da vida familiar.  As vosas casas han de ser fogares da luz que brillou en Belén e que necesita hoxe a nosa sociedade.

É necesario o testemuño das familias cristiás que viven a súa fe de maneira gozosa e responsable, que axudan o necesitado, e traballan pola paz. Anunciemos con gozo a beleza da familia, miremos á Sagrada Familia e permanezamos na súa escola para revitalizar a familia, “tesouro que Deus regalou á humanidade e que é responsabilidade nosa coidar”. Nesta festa da Sagrada Familia, pido para todas as familias da Diocese a bendición de Deus coa intercesión de Xesús, María e Xosé. Amén.

[1] Cf. Benedicto XVI, Spe salvi, 26-27.

Versión en castelán