Homilía de mons. Barrio na festa da Virxe de Fátima 2019

“Dade grazas ao Señor porque é eterna a súa misericordia”. Esta tarde coa bienaventurada Virxe de Fátima, vimos poñer a nosa vida con total confianza ante o seu Fillo, orando cos nosos medos, dúbidas, ideas e perplexidades. Con este humilde xesto recoñecemos a xenerosidade de Deus Pai polas súas bendicións e pola súa providencia amorosa. A devoción á Virxe pídenos actuar con sinceridade e verdade, que han de manifestarse nos nosos pensamentos limpos, nos nosos afectos ordenados, nas nosas palabras sinceras, nas nosas decisións honestas.

Día a día percibimos a nosa fraxilidade e dificultade á hora de construír unha sociedade conforme ao querer de Deus. En Cristo resucitado atopamos a luz e o vigor para superar o pecado que fere a dignidade humana. A fe indícanos que a vida non é un sen sentido, nin un absurdo. Temos razóns para vivir e amar, sufrir e esperar, contaxiar entusiasmo e testemuñar que, liberados por Cristo, paga a pena traballar por un mundo mellor. O Señor sempre está disposto a mostrarnos as súas pegadas como ao apóstolo Tomé.

Lembramos o canto do Magnificat, clave para interpretar o sentido da nosa vida mentres peregrinamos cara á cidadanía dos santos. “Proclama a miña alma a grandeza do Señor, alégrase o meu espírito en Deus o meu Salvador porque mirou a pequenez da súa escrava”. Deus é misericordioso e clemente, rico en amor e fidelidade, mantén o seu amor por mil xeracións, e perdoa o noso pecado (cf. Ex 34, 6s). Con esta confianza pedimos que nos reciba por herdanza súa (Ex 34,9).

A mensaxe da Virxe en Fátima atopa toda a súa actualidade chamándonos á conversión para acoller a misericordia de Deus e vivila cos demais a través da caridade. Da fe temos que pasar ao amor, da credulidade ás obras. Ás veces esquecemos o amor de Deus e isto dificulta o ofrecerlle mesmo os nosos pecados para que nolos perdoe. El quérenos fillos seus irreprochables de forma que nos presentemos ante el sen mancha. A un corazón duro que decide abrirse con docilidade, Deus dá sempre a súa graza. “Cando o Señor nos envía unha humillación ou permite que cheguen as humillacións é para que o corazón se abra, sexa dócil, se converta ao Señor Xesús”. Sostén a nosa esperanza saber que o Señor é capaz de cambiar os corazóns.

Xunto á cruz estaba Xoán, o discípulo máis novo, acompañando a Xesús. Todos nós estamos chamados a ser eses Xoáns fieis que non deixan o amigo aínda que aparentemente non teña nada que ofrecerlles. Acompaña a María, a Nai, que compartía a dor do seu Fillo, facéndose próximo para o mesmo Deus e para tantas persoas que están cravadas nas cruces do sufrimento, da incomprensión, da marxinación. As súas bágoas son as dos feridos polos efectos do mal, dos pobres que incertos deambulan polas nosas rúas; dos encarcerados; dos enfermos; das familias rotas; dos que se deixan levar polas supersticións; dos anciáns esquecidos; dos que non teñen fe e están turbados pola miseria do pecado. Con María nunca seremos orfos nin esquecidos.

O amor e a obediencia incondicional á vontade de Deus Pai unen á Nai e ao Fillo. Nesa hora transcendente da nosa salvación, María acolle como fillo a Xoán e nel a nós, lembrándonos: “Facede o que El vos diga”. Escoitou as palabras dirixidas ao Bo ladrón: “Hoxe estarás comigo no paraíso”. O evanxeo da misericordia divina transfórmanos e transforma o noso mundo. Tantas persoas están a esperala e necesitando ao noso ao redor. “Así por medio dun raio da misericordia, o noso mundo, a miúdo escuro e frío, pode tornarse algo máis cálido, algo máis luminoso, algo máis digno de ser vivido e amado” (W. Kasper). Como un torrente que desborda, a misericordia de Deus derrámase sobre as nosas pobrezas, facéndonos pasar da maior ignominia á santidade como aconteceu no Bo Ladrón. Fagamos penitencia e recemos, fieis á mensaxe da Virxe en Fátima. Ás veces damos a impresión de que somos persoas relixiosas sen relixión. Non é fácil falar ao mundo de Deus pero sempre é posible falar a Deus do mundo. Confiemos en María e confiémonos a María. Con esta confianza pido por todos vós e as vosas intencións, poñendo a vosa ofrenda no altar coa súa intercesión. Volve a nós eses teus ollos misericordiosos e móstranos a Xesús froito bendito do teu ventre!

Versión en castelán