Homilía de mons. Julián Barrio na Misa de Nadal

Gesegnete Weihnacten.
Merry Christmas.
Joyeux Noël.
Auguri per un Santo Natale.
Bo Nadal.
Feiz Navidad

Hoxe é un día de gran ledicia que debemos transmitir na nosa contorna. No nacemento do Fillo de Deus, o proxecto de Deus Pai concrétase, e enche o corazón da única paz que dá sentido á vida, disipando o temor á mortalidade e dándonos a ledicia de inmortalidade. O vello soño de Deus era habitar e convivir entre os homes. Vímolo no paraíso terreal, durante a travesía do deserto á terra prometida e logo no Templo de Xerusalén. Era o gran soño de Deus. O Nadal é o cumprimento dese soño: “O Verbo de Deus fíxose carne e habitou entre nós, e contemplamos a súa gloria: gloria como do Unigénito do Pai, cheo de graza e de verdade” (Jn 1,14). Planta a súa tenda na nosa historia. É o Deus connosco. E podemos dicir: “Gloria a Deus no ceo e na terra paz aos homes”. O ceo chove a súa xustiza e a paz brota da terra.

“O Señor consola ao seu pobo e verán os confíns da terra a vitoria do noso Deus”. Non hai lugar para a tristeza nin o pesimismo. Por moitos que sexan os problemas e por moi negro que vexamos o panorama Deus visitou o seu pobo e tráenos o seu consolo e a súa paz, fundamentada na xustiza e o dereito. Co nacemento do Fillo de Deus feito home recuperamos a forza para afrontar os problemas da vida diaria na familia, no traballo ou na falta de traballo, e na sociedade. Deus camiña ao noso lado. Cristo nace para nós, está connosco e comunícanos que podemos esperar de Deus Pai quen no seu Fillo fala a linguaxe universal do pequeno, do débil, do pobre, rompendo os nosos esquemas humanos. Isto enténdeno só quen acepta que a forza de Deus se manifesta na debilidade.

Deus dixo a súa última e definitiva Palabra no seu Fillo. E esa Palabra encarnada purificounos dos nosos pecados, revestíndonos da filiación divina para que levemos unha vida digna e xusta. No medio das espesas tebras que nos envolven, hoxe unha Luz brillou para nós, e grazas a esta Luz podemos ver todo desde a perspectiva da eternidade: as nosas alegrías, e tristezas; os nosos éxitos e fracasos; a saúde rebordante e a enfermidade; os momentos de plenitude radiante e os instantes de dúbidas e perplexidades. Desde a luz de Belén todo se ilumina, esclarécese, recobra sentido, porque o Fillo de Deus fíxose home para experimentar e redimir na súa propia carne todas as situacións humanas. Non temamos porque “Deus se fixo criatura, pura beleza, altura e profundidade do Amor que nos abre a porta do eterno”. Isto libera o home ferido do fastío e do cansazo de vivir, e proxéctao ao Infinito de Deus. A sabedoría invencible do amor divino ensínanos que o camiño da felicidade pasa pola austeridade, o da paz pola xustiza, o da abundancia pola solidariedade, o da salvación polo amor.

Coidemos que a luz de Belén non se apague polos ventos xélidos da indiferenza relixiosa e do relativismo moral! Camiñemos na luz, vivindo como fillos da luz, manifestada nas boas obras; e decidámonos sempre pola defensa da dignidade dos máis débiles, sen esquecer que na nosa relación con Deus cobra sentido a visión do mundo e do home! O Nadal convídanos a transformar a nosa sociedade nunha realidade de comuñón e fraternidade, facendo da vida un gozo e non un sufrimento. Contaxiemos o espírito do Nadal que é atoparnos con Deus no home! Deixemos que Cristo naza nos nosos corazóns para crecer en santidade ata que cheguemos á perfección! Alegrémonos, porque hoxe é Nadal, e coa verdade do Nadal renace a fe que disipa as tebras do corazón e da mente! Bo Nadal!

Versión en castelán