Homilía de mons. Julián Barrio na Misa de Nadal

Gesegnete Weihnacten.

Merry Christmas.

Joyeux Noël.

Auguri per un Santo Natale.

Bo Nadal.

Feliz Navidad

Hoxe é un día de grande alegría da que temos que ser portadores. No nacemento do Fillo de Deus, o proxecto de Deus Pai concrétase, e enche o corazón da única paz que dá sentido á vida, disipando o temor á mortalidade e dándonos a alegría da inmortalidade. “Deus fíxose home para que dándosenos con el superemos a nosa nada orixinaria e a nosa morte final”. Deus soñaba con habitar e convivir entre os homes. Vímolo no paraíso terreal, durante a travesía do deserto á terra prometida e logo no Templo de Xerusalén. O Nadal é o cumprimento dese soño: “O Verbo de Deus fíxose carne e habitou entre nós, e contemplamos a súa gloria” (Xn 1,14). Pon a súa tenda na nosa historia. É o Deus connosco.

“O Señor consola o seu pobo e verán os confíns da terra a vitoria do noso Deus”. Non hai lugar para a tristeza nin o pesimismo. Por moitos que sexan os problemas Deus visitou o seu pobo e tráenos o seu consolo e a súa paz, fundamentada na xustiza e o dereito. No nacemento do Fillo de Deus todo é normal: “un neno envolto en cueiros e deitado nun pesebre”. Non hai nada de espectáculo senón a inocencia deste neno. Deus preséntase sen envoltorio no normal da vida, no cotián.

Dúas imaxes preséntanos o profeta Isaías: A luz e a alegría porque termina a opresión, a guerra e nace un neno “Marabilla de conselleiro, Deus forte, Pai da eternidade e Príncipe da paz”. “Verán os confíns a salvación de Deus”. Co nacemento do Fillo de Deus feito home recuperamos a forza para afrontar os problemas da vida diaria na familia, no traballo ou na falta de traballo, e na sociedade. Cristo nace para nós, e está connosco.

Deus dixo a súa última e definitiva Palabra no seu Fillo. E esa Palabra encarnada revestiunos da filiación divina para que vivamos a fraternidade. No medio da escuridade unha Luz brillou para nós, e grazas a esta Luz podemos ver desde a perspectiva da eternidade as nosas alegrías, e tristezas; os nosos éxitos e fracasos; a saúde rebosante e a enfermidade; os momentos de plenitude radiante e os instantes de dúbidas e perplexidades. O Fillo de Deus fíxose home para experimentar e redimir na súa propia carne as situacións humanas. Non temamos porque “Deus fíxose criatura, pura beleza, altura e profundidade do Amor que nos abre a porta do eterno”. Isto libera o home ferido do fastío e do cansazo de vivir, e proxéctao ao Infinito de Deus. A sabedoría invencible do amor divino ensínanos que o camiño da felicidade pasa pola austeridade, o da paz pola xustiza, o da abundancia pola solidariedade, o da salvación polo amor.

“Os cristiáns non polemizaremos con quen oculta ou degradan os signos da nosa identidade cristiá. Estes vivirémolos con alegría penetrándonos no seu sentido verdadeiro e convidando os demais a que compartan o noso gozo” (O. González de Cardedal). Coidemos que a luz de Belén non se apague polos ventos da indiferenza relixiosa e do relativismo moral! Vivamos como fillos da luz, manifestada nas boas obras; e decidámonos sempre pola defensa da dignidade dos máis débiles, sen esquecer que na nosa relación con Deus cobra sentido a visión do mundo e do home! O Nadal convídanos a transformar a nosa sociedade nunha realidade de comuñón e fraternidade. Contaxiemos o espírito do Nadal que é atoparnos con Deus no home! Deixemos que Cristo naza nos nosos corazóns para crecer en santidade ata que cheguemos á perfección! Coa verdade do Nadal renace a fe que disipa as tebras do corazón e da mente. Damos grazas a Deus cuxo amor se manifestou no seu Fillo feito home. Bo Nadal!

Versión en castelán