Homilía de mons. Julián Barrio na Solemnidade do Apóstolo Santiago

Excmo. Sr. Delegado Rexio
Queridos Sr. Cardeal e Sres. Bispos
Queridos Capitulares
Queridas Autoridades
Queridos sacerdotes, Vida Consagrada e laicos
Membros das Ordes de Santiago
Membros da Archiconfraría do Apóstolo Santiago
Televidentes e Radiooíntes
Peregrinos chegados a Santiago

“Santo Apóstolo Santiago, fai que desde aquí resoe a esperanza!” Nesta solemnidade chámasenos a renovar o compromiso de seguir construíndo a cidade de Deus no medio da cidade dos homes, abrindo o noso corazón á loanza. O amor de Cristo úrxenos a transmitir a ledicia do Evanxeo “que enche o corazón e a vida enteira dos que se atopan con El”, como escribe o papa Francisco.

Nesta misión agradecemos a Deus o don da fe, “manancial perenne de esperanza e de caridade”, que “nos dá a humilde certeza de que a vocación do ser humano á esperanza non é absurda senón razoable e realizable. Xesucristo resucitado é a razón da nosa esperanza, realizable polo poder e a graza de Deus”[1]. Moitas persoas buscan a verdade e isto confirma a nosa misión. “A fe sempre ten algo de ruptura arriscada e de salto porque implica a ousadía de ver o autenticamente real naquilo que non se ve” (Bieito XVI). O apóstolo Paulo dirá: “Crin por iso falei”. A transmisión da fe e dos valores cristiáns é un desafío “porque vivimos encerrados nun mundo que parece ser do todo obra humana e non nos axuda a descubrir a presenza e a bondade de Deus Creador e Pai”[2].

Testemuñar a nosa condición de fillos de Deus atopa dificultade na mentalidade do home que cando se idolatra a si mesmo, definindo a vida e o sentido da mesma, absolutízase, destruíndo ou poñendo en perigo a natureza e a humanidade. A descristianización e a deterioración moral da vida persoal, familiar e social, están a xerar un cambio cultural no que “nos vemos invadidos por un modo de vida no que a referencia a Deus é considerada como unha deficiencia na madureza intelectual e no pleno exercicio da liberdade“[3].

Hai que obedecer a Deus antes que aos homes”.  “Os  católicos temos que vivir hoxe con ledicia e gratitude a misión de anunciar o nome e as promesas de Deus como fonte de vida e de salvación”[4], convencidos de que, a pesar das propias debilidades, “a proposta cristiá nunca envellece” (EG 11), e non é un espectáculo senón entrega da vida na cruz.

O martirio do Apóstolo Santiago indícanos que a cruz forma parte da nosa vida. “Levamos sempre e en todas partes no corpo a morte de Xesús, para que tamén a vida de Xesús se manifeste na nosa carne mortal” (2Cor 4,10.12). “Testemuña da paixón de Cristo e  partícipe da gloria que se vai revelar” (1 Pe 5,1), a Igrexa peregrina sabendo que o Señor manifesta a súa forza precisamente na nosa fraxilidade. El é quen constrúe a súa Igrexa “que non pode replegarse fronte aos que só ven confusión, perigos ou ameazas, ou de quen pretende cubrir a variedade e complexidade de situacións cunha capa de ideoloxismos gastados ou de agresións irresponsables”[5]. A forza vén de Deus non das vasillas de barro que somos nós.

Ao venerar ao Patrón de España, que  dá contido á nosa historia pola súa misión evanxelizadora, lembramos que os valores do Evanxeo informaron a nosa cultura, punto de referencia na construción dun maior progreso integral e viva esperanza do home. No medio da incerteza temos que manifestar a nosa identidade cristiá con humildade, coherencia e responsabilidade, véndonos necesitados tanto de verdade como de liberdade. “A historia e a realidade actual da nosa sociedade é mostra da fecundidade cultural e social do cristianismo”[6], que favoreceu a concordia, a xustiza, e a caridade. Talvez a camisa de forza dos prexuízos impida recoñecer a Deus “que coida das súas criaturas e fai saír o sol para todos, bos e malos; o que sae cada día ao camiño para ver se volve o fillo que se foi de casa; o que acolle sen resentimento ningún a quen regresa a El”[7]. Tamén estes son tempos de graza nos que podemos descubrir os valores porque Deus non nos retirou a súa providencia. Na bondade de Deus atopa fundamento a nosa dignidade e liberdade en toda circunstancia, tamén na antesala da morte na que “o valor inmenso da persoa enferma ha de atopar unha resposta feita de respecto, comprensión e tenrura, porque o valor sacro da vida do enfermo non se escurece nunca senón que brilla con máis esplendor precisamente no seu sufrimento e no seu desvalimento”, como di o papa Francisco.

Os apóstolos daban testemuño da  resurrección de Cristo “da que brota unha creación nova, que penetra continuamente no noso mundo, transfórmao e atráeo a si”[8]. Esta convicción leva un estilo de vida significado polo amor e a entrega aos demais, tratando de construír o propio sen esquecer o alleo dos que  están  próximos ou afastados, e sabendo que “o que queira ser grande entre vós, que sexa o voso servidor, igual que o Fillo do home non veu a ser servido senón a servir”. “A Igrexa non pon nunca a súa esperanza nin atopa o seu apoio en ningunha institución temporal, pois sería poñer en dúbida o señorío de Xesucristo, o seu único Señor”[9], e “a esperanza cristiá non favorece un falso espiritualismo nin nos leva a desinteresarnos dos problemas reais ou a menosprezar as cousas da terra. A verdade é que o cristián, liberado para Deus e para o seu próximo, está en condicións de ser dono e non escravo das cousas deste mundo, adquirindo así unha liberdade nova para o amor e a fraternidade. Quen espera de verdade a vida eterna valora as cousas deste mundo á luz da vida que espera e trata de ilas conformando constantemente á vida reconciliada e fraterna que espera máis aló de calquera logro histórico”[10].

Sr. Oferente, con confianza acollo a vosa ofrenda para poñela no Altar. Agradezo moito a súa felicitación no vinte e cinco aniversario da miña ordenación episcopal. Apóstolo Santiago,  pídoche que protexas o Papa Francisco e a Igrexa que peregrina en España para que nos manteñamos fieis a Cristo. Encomendo coa túa intercesión os froitos do Sínodo da Mocidade, a todos os pobos de Hispanoamérica de maneira especial a aqueles que están pasando por grandes dificultades, os pobos de España, de xeito especial o pobo galego, tamén ás familias para que vivan a ledicia do amor polo camiño da santidade que é o rostro máis belo da Igrexa, como di o papa Francisco.

Amigo do Señor, lembro con afecto e na oración aos que noutros anos celebraban esta festa connosco, confiando que gocen xa da felicidade eterna. Temos presentes as persoas que perderon a súa vida nas vésperas da túa festa de hai cinco anos na cidade polo accidente ferroviario. Encoméndoche tamén aos que morreron por calquera forma de violencia sempre irracional. Intercede polos nosos gobernantes para que saiban encontrar, en diálogo sereno e respectuoso coa verdade, solucións aos problemas políticos, sociais e culturais; e por todas aquelas persoas que están ofrecendo os seus mellores esforzos para responder ás esixencias do ben común. Co teu patrocinio, Santo Apóstolo, pido que o Señor bendiga as súas Maxestades e a Familia Real, e tamén a Vosa Excelencia, Sr. Oferente, a súa familia e aos seus colaboradores. Amén.

 

[1] CEE, A fidelidade de Deus durará sempre. Mirada de fe ao século XX, 1999, 20.

[2] CEE, Orientacións morais ante a situación actual de España. Instrución pastoral, 2006, 12.

[3] Ibid., 9.

[4] Ibid., 44.

[5] Aparecida, Documento, nº 11.

[6] Orientacións morais…, 46.

[7] CEE, Deus é amor. Instrución pastoral nos umbrais do terceiro milenio, 1998, 31.

[8] Ibid.,  34.

[9] CEE, Orientacións…, 24.

[10] CEE, Testemuñas do Deus vivo, 1985, 23.

 

Versión en castelán