Homilía de monseñor Barrio na Festa da Sagrada Familia

Agradezo a vosa participación neste Xubileu Extraordinario da Misericordia no que as familias da Diocese quixeron cruzar o limiar da Porta da Misericordia para acoller a graza xubilar. Doulle grazas a Deus polas nosas familias e pídolle que as siga bendicindo, de xeito especial ás que están pasando momentos de inclemencia. Saúdo con afecto os nenos e os mozos, os adultos e os anciáns neste atardecer sabendo que a Igrexa é familia e que a familia é igrexa doméstica e tendo como referente a Sagrada Familia.


María e Xosé eran pobres, humildes traballadores, xustos, e vivían no plano sobrenatural a súa existencia cotiá. Deus é familia e quixo facer do propio fogar “un santuario”. A vida familiar coas súas luces e sombras, as súas alegrías e sufrimentos, as súas sorpresas e rutinas, está bendicida por Deus e experimentou ao longo destes últimos anos transformacións importantes. A familia é un dos ámbitos onde máis profundamente está incidindo nestes tempos o cambio sociocultural. Isto afecta á experiencia relixiosa compartida na familia e á primeira transmisión da fe aos fillos. É un reto para a evanxelización. Respectar a singularidade dos membros, encarnar a igualdade do home e da muller e vivir na unidade solidaria do amor como signo da Nova Alianza entre Deus e a familia humana axúdanos a discernir a maior ou menor proximidade ou afastamento de cada familia ao ideal cristián.

Así, vivir orientados desde Deus é o que nos propón a primeira lectura, insistindo nunhas actitudes que están en perigo, como son: o honrar, o respectar e o coidar os pais. Unha boa actitude espiritual implica un comportamento axeitado cos pais, que coa súa experiencia son dignos de atención e que coa súa debilidade merecen un trato esmerado. Como lles pagaremos o que fixeron por nós? É necesario responder a esta pregunta.

Recórdasenos que da experiencia de ser perdoados por Deus, nace o perdón aos demais; de atopar a paz no Señor nacen os valores dunha vida pacificada; da escoita da Palabra divina nace unha relación gozosa con Deus. E de todo iso xorde unha vida chea de afecto, de reconciliación e de loanza. Realidades que debemos vivir no seo da familia.

Tamén María e Xosé se sorprenden, se angustian e non comprenden, pero son fieis á súa misión, conservando coidadosamente o acontecido. Xesús estivo baixo a súa autoridade mentres crecía en sabedoría, en estatura e en graza ante Deus e ante os homes. É un desafío para cantos nos contentamos co que hai. O relato do evanxeo parece unha crónica sacada dunha familia dos nosos días. Uns pais angustiados porque o seu fillo non volve a casa logo dunha festa. Marchan na súa procura e atópano no templo, porque debía ocuparse das cousas do seu Pai Deus. Non entenden pero confían nel.

A familia cristiá é o ámbito apropiado para recoñecer o rostro misericordioso de Deus, para descubrir a gran esperanza baseada no amor incondicional e absoluto que Deus ofrece ao home[1], e onde a liberdade crece na verdade. Na familia, segundo o plan de Deus, han de atopar a realización plena as persoas que a compoñen. Nela é posible experimentar o amor máis parecido ao amor de Deus, porque na familia se nos ama sen condicións, non polo que facemos ou temos senón polo que somos; non se nos quere polas nosas calidades ou capacidades nin se nos deixa de querer polas nosas limitacións e defectos. ¡Canta xenerosidade, dedicación e dispoñibilidade no coidado dos nenos, mozos e maiores en circunstancias ás veces difíciles por parte da familia! A persoa ha de aprender a ser misericordiosa na familia. Queridos esposos, sede misericordiosos coas debilidades mutuas! Sede misericordiosos cos vosos fillos! Mirádevos sempre cos ollos do corazón! A misericordia é o bálsamo con que superaredes as tensións propias da vida familiar. As vosas casas han de ser fogares da misericordia que necesitades que ofrecedes.

É necesario o testemuño das familias cristiás que viven a súa fe de xeito gozoso e responsable a través do diálogo, o perdón, a solidariedade, a axuda ao necesitado, a procura da paz, a oración. Afastarnos de Deus e marxinar os valores morais, sempre favorecen o deterioro da vida familiar.

Anunciemos con gozo a beleza da familia, miremos a Sagrada Familia e permanezamos na súa escola para vivir a familia, “tesouro que Deus regalou á humanidade e que é responsabilidade nosa coidar”. Nesta festa da Sagrada Familia, pido para todas as familias da Diocese a bendición de Deus coa intercesión de Xesús, María e Xosé. Amén.

A

[1] Cf. Bieito XVI, Spe salvi, 26-27.

Versión en castelán