Homilía de monseñor Barrio na Misa de Medianoite

Froheliche Weihnacten

Merry Christmas

Joyeux Noël

Auguri per un Santo Natale

Bo Nadal

“Tanto amou Deus ao mundo que lle entregou ao seu Fillo único”. Esta é a gran Noticia. O demais pódenos roubar o misterio do Nadal. “Presebe, cruz e altar, madeira de vida e sinal de esperanza sen límites”. “Un sosegado silencio envolvíao todo, e ao mediar a noite a súa carreira, a túa Palabra todopoderosa abalanzouse desde o trono real dos ceos” (Sab 18,14). Nesta Noite Santa sentimos fondamente a misericordia e o amor de Deus ao contemplar o Neno Deus cos ollos do noso corazón. Adoramos a Palabra feita carne. Só a adoración é a porta para entrar neste misterio da man de María que “deu a luz o seu fillo primoxénito, envolveuno en cueiros e deitouno nun presebe, porque non tiñan sitio na pousada” (cf. Lc 2,6s).

“Espértate, escribe santo Agostiño: Deus fíxose home por ti. Celebremos con alegría o advenimento da nosa salvación para que fósemos homes que ama o Señor”. “Puxo a súa tenda entre nós” e fíxose un coma nós, excepto no pecado. Contemplamos a tenrura, a pequenez e a dependencia do Neno Deus, o silencio roto polos saloucos, a riqueza feita pobreza. Da pequenez agroma a forza, do silencio a Palabra, da esperanza a vida. Co Neno Deus todo se transtorna: os pobres son benaventurados, os leprosos son curados, os cegos ven, a vida agroma no inesperado. “Só o divino pode «salvar» o home, é dicir, as dimensións verdadeiras e esenciais da figura humana e do seu destino”.

A humanidade esperaba arelante este acontecemento. Pero na pousada non houbo sitio para o Neno Deus. O home sempre espera a Deus, pero chegado o momento non ten sitio para el: “Veu á súa casa, e os seus non o recibiron” (Xn 1,11). Entón foi a cidade de Belén, pero hoxe somos nós. Cantas veces Deus chama ás portas do noso corazón nas persoas necesitadas da nosa palabra, do noso afecto, da nosa axuda! Pero non hai resposta.

Esta noite percibimos tamén a escuridade das persoas angustiadas na súa propia pousada onde non hai sitio para Deus. É verdade que o amor de Deus polo home é tan grande que está disposto a entrar pola corte da pousada. “A súa mensaxe e a súa luz chámannos a poñernos en camiño, a saír da cerrazón dos nosos desexos e intereses para ir ao encontro do Señor e adoralo” (Bieito XVI). Non teñamos medo a que o Neno Deus nos vexa! El veu  restaurar a humanidade conforme aos designios de Deus. Coa súa vinda todo recupera a súa beleza e a súa dignidade, o ceo e a terra tócanse e Deus comparte a nosa condición humana. Ninguén está excluído desta felicidade. Permitamos que a tenrura do Neno Deus nos toque o corazón e abrande as durezas que nos fan insensibles a Deus e distraídos ante as necesidades dos demais.  Fagamos un lugar a Deus no noso corazón, na nosa familia e na nosa convivencia social. Proclamemos o amor de Deus en cada xesto da nosa vida.

Felicitámonos todos porque “apareceu a graza de Deus que trae a salvación para todos os homes; ensinándonos a renunciar á vida sen fe e aos desexos mundanos, e a levar xa desde agora unha vida sobria, honrada e santa”. Así a ledicia de Deus asolagaranos e a nosa axitación tranquilizarase. Levemos a luz do Portal de Belén a todos os fogares. “Non apaguemos a chama ardente desta paz acesa por Cristo” (François Mauriac).  Que a misericordia que Deus nos manifestou no seu Fillo, vivámola cos nosos irmáns. Este é o meu desexo e a miña súplica ao Deus feito carne. Bo Nadal a todos! Amén.

Versión en castelán