Homilía de monseñor Julián Barrio na Solemnidade do Apóstolo Santiago 2019

Excmo. Sr. Delegado Rexio

Queridos Irmáns no Episcopado

Queridos Capitulares

Queridas Autoridades

Queridos sacerdotes, Vida Consagrada e laicos

Membros da Archiconfradía do Apóstolo Santiago

Televidentes e Radioíntes

Peregrinos

A solemnidade do apóstolo Santiago motívanos a reavivar a nosa identidade cristiá, recoñecendo a dignidade sagrada da persoa humana cuxa vida hai que respectar e defender en calquera das circunstancias. É necesario deixarnos interpelar para atopar as respostas verdadeiras ás nosas preguntas aínda que ás veces sexan incómodas. “Seica a forza de vivir as preguntas, cheguemos un día a penetrar, sen  advertilo, nas respostas” (Rilke). Afastarnos de Deus convértenos nun feixe de preguntas sen respostas. “Buscade a Deus e revivirá o voso corazón!”. No déficit de humanidade que padecemos, “a compaña de Deus cos mortais é a resposta do cristianismo ás preguntas primordiais de sempre e ocasionais de hoxe. Resposta esixente na medida en que nos convida a ser humanos na forma e figura que o foi Xesús, e resposta consoladora porque non estamos sos no mundo”.

A visión cristiá xera un xuízo cultural e unha experiencia de vida significativa para todos, sendo imprescindible o diálogo baseado na razón común. A fe en Cristo ilumina a nosa existencia, pero ás veces temos a sensación de vivir de rendas no que á fe se refire, sentindo abafo ao tratar de responder aos perennes interrogantes sobre o sentido da vida presente e futura. Necesitamos quitar moitos entullos da superficie da nosa conciencia, da nosa alma, da nosa intelixencia, da nosa sensibilidade para entender o auténtico significado desta realidade. O cristianismo é unha proposta que cambia a vida humana cunha orientación absolutamente nova. O apóstolo Santiago comunicou esta novidade, implicando a súa vida ata o martirio: “É necesario obedecer a Deus antes que aos homes”. Cristo resucitado, que posibilita actuar coa liberdade dos fillos de Deus, autentica o testemuño apostólico xa que “levamos este tesouro en vasillas de barro, para que se vexa que unha forza tan extraordinaria é de Deus e non provén de nós”. Cambia a vida de quen se adhire a El, advertindo que o verdadeiro liderado do seu discípulo está en servir no medio de probas e sufrimentos: “O meu cáliz beberédelo”. Ás veces entendemos a autoridade como promoción e honra, ambición e prestixio, dominio e arbitrariedade, utilizando os demais como banzos para escalar a cima e refugando valores relixiosos e morais para que nada se opoña ás nosas pretensións. “Non será así entre vós, di Xesús, o que queira ser grande, que sexa o voso servidor; e o que queira ser primeiro, que sexa o voso escravo” (Mt 20, 25-27). A renuncia e o sacrificio son necesarios na nosa civilización. Facémonos máis grandes rebaixándonos, sendo esta a clave do verdadeiro humanismo.

Cristo viviu alleo a prerrogativas e ambicións. Sendo rico fíxose pobre, serviu, curou, deu de comer, predicou a mensaxe de salvación e deixounos a paz, sen pedir nada a cambio. Veu para dar a vida, liberando de calquera estrutura que escravice a persoa, tanto social, cultural, económica e relixiosa. A Igrexa foi chamada a ser servidora da humanidade, e apóiase no amor servizal a todos, pero especialmente aos pobres, posibilitando a salvación. Por iso as relacións da Igrexa coa sociedade son de diálogo e axuda mutua “por encima dos erros, conflitos e malentendidos que se poidan dar por mor das limitacións da nosa condición humana”. A Igrexa non busca ocupar espazos senón iluminar coa luz do Evanxeo as realidades en que nos atopamos. Non se mira a si mesma senón á humanidade. O Papa Francisco escribe: “non debemos esquecer nunca que o verdadeiro poder, en calquera nivel, é o servizo, que ten o seu vértice luminoso na Cruz”. Non caiamos no risco de ir cada un ao seu e do sálvese quen poida, aferrándonos a solucións provisionais que se presentan como definitivas. Os nosos prexuízos impídennos progresar como discípulos de Xesús quen “coa súa vida enteira e en particular, coa súa oblación libre na cruz, esclareceu definitivamente que a lei máis profunda da existencia é a da gratuidade”[1]. “Só a relixión penetra tan profun­damente nos corazóns como para alcanzar ese grao de profundidade onde se establece ese debate da conciencia consigo mesma ou onde se representa en segredo o drama da esperanza e a desespe­ración, do ser e da nada. Non vivamos na periferia de nosa propia persoa, esquecendo a morada oculta da nosa vida interior”.

Hoxe vemos que “telo case todo e sentirse baleiro, é unha enfermidade terrible”. Miremos a humanidade sufrinte nos refuxiados, nos excluídos, nos migrantes forzosos, nos pobres, nas vítimas inocentes de tanta violencia sen sentido, que nos conmoven. O outro é sempre unha chamada, e ás veces convertémolo nun perigo. A incerteza desasoséganos e lévanos a medir e valorar todo segundo a súa utilidade e rendibilidade descartando a persoas que xa non poden seguir esperando. Ante isto repregámonos facilmente na emotividade pero a resposta no medio da confrontación, como di o Papa, é a cultura do encontro que se dá ao “buscar puntos de coincidencia no medio de moitas disidencias, nese empeño artesanal e ás veces custoso de tender pontes e construír a paz”.

Os apóstolos daban testemuño da resurrección de Cristo que “provoca por todas partes xermes dun mundo novo; e aínda que se corten volven xurdir, porque a resurrección do Señor xa penetrou a trama oculta desta historia  porque Xesús non resucitou en balde”[2]. Sen esta fe esquecemos que a vida non podemos almacenala. “Non seriamos discípulos de Xesús, nin a Igrexa podería presentarse como a súa Igrexa, se non recoñecésemos no exercicio e no servizo da caridade a norma  suprema da nosa vida”[3].

Sr. Oferente, con confianza acollo a vosa ofrenda para poñela non Altar. Apóstolo Santiago,  asiste e protexe o Papa Francisco e a Igrexa que peregrina en España. Encomendo á túa intercesión todos os pobos de España, de xeito especial o pobo galego, as familias para que vivan a ledicia do amor, construíndo unha sociedade polo camiño da esperanza. Amigo do Señor, lembro con afecto e na oración aos que outros anos celebraban esta festa connosco e que ou Señor chamou a súa presenza, confiando que gocen xa da felicidade eterna. Ninguén de nós pode esquecer esa sombra de dor que nas vésperas da túa festa extendeuse na cidade polo accidente ferroviario. Lembro tamén as persoas que morreron por calquera forma de violencia sempre irracional. Intercede polos nosos gobernantes para que saiban atopar, en diálogo sereno e respectuoso coa verdade, solucións aos problemas políticos, sociais e culturais; e por todas aquelas persoas que están ofrecendo os seus mellores esforzos para responder ás esixencias do ben común, de maneira especial educando os nenos e a mocidade. Co teu patrocinio, Santo Apóstolo, pido que o Señor bendiga as súas Maxestades e a Familia Real, e tamén a Vosa Excelencia, Sr. Oferente, a súa familia e os seus colaboradores, velando pola cidade, sempre acolledora, que mira á Catedral, referente do sagrado, máis aló da súa beleza. Amén.

[1] Moral e sociedade democrática, 19.

[2] FRANCISCO, Evangelii gaudium, 278.

[3] Orientacións morais ante a situación actual de España, 78.

Versión en castelán