Homilía na festa da Sagrada Familia 2019

Agradezo a vosa participación nesta Eucaristía na que damos grazas a Deus polas familias da Diocese e pedimos de maneira especial polas que están a pasar momentos difíciles. Saúdovos con cordial afecto.

Ser familia e actuar en familia implica xestar día a día a acollida na convivencia, abrir as portas ao perdón e á reconciliación e dignificar a vida, camiñando cara á santidade. A vida familiar coas súas alegrías e sufrimentos, as súas sorpresas e rutinas, está bendicida por Deus. A familia cristiá onde a liberdade crece na verdade, ha de reflectir o rostro bondadoso de Deus, descubrindo a esperanza baseada no seu amor incondicionado polo home[1].

Xesús, nado en Belén, ten unha familia humana, modelo para todas as familias. Ver a familia desde Deus é o que nos propón a primeira lectura, lembrando que debemos honrar, respectar e coidar os pais. Honrar non é só acatar a súa autoridade senón procurarlles o que necesitan cando non poidan xa conseguilo por si mesmos, dadas a súa fraxilidade e debilidade. Os pais son dignos de atención e merecen un trato esmerado. Os fillos non han de causarlles tristezas, e han de coidalos na vellez.

O apóstolo Paulo indícanos que do sentirnos perdoados por Deus, nace o perdón aos demais; de atopar a paz no Señor xorden os valores dunha vida pacificada; da escoita da Palabra divina flúe unha relación gozosa con Deus. Os membros da familia teñen que revestirse de misericordia, bondade, humildade, dozura, paciencia e comprensión. Con amor, proximidade e fe obtéñense bos froitos.

Vemos no Evanxeo que María e Xosé viven unidos na oración, a obediencia a Deus, o amor mutuo, o traballo, a dor e as probas. Nas circunstancias difíciles e hostís son necesarias a fortaleza e a unión na familia. Todo un programa para as familias de hoxe. Desde un primeiro momento a sagrada familia vese sometida á persecución. Xesús, fiel ao plan de Deus Pai, vai ser perseguido, albiscando xa o misterio da cruz. María e Xosé comparten a persecución nos seus desvelos e abnegación polo Neno Deus. Non se alude ás dificultades que a fuxida a Exipto conleva para Xosé quen cumpre a orde recibida: non importa que perda o seu posto de traballo, tampouco se di como puido arranxarse para gañar o pan da súa familia en Exipto. Para facernos unha idea, abonda con que miremos as familias emigrantes que están entre nós.  María e Xosé están ao servizo do Neno Deus que se tomou en serio facerse home e asumiu as súas tradicións, costumes, crenzas, cultura e valores.

Tamén hoxe hai familias que viven unidas na oración, no amor e na dor; teñen a Deus no centro e o amor como motivación; cren, esperan e aman. Outras experimentan o desacougo da separación e do divorcio coas dramáticas consecuencias para os fillos, vivindo coma se Deus non existise ou abrindo “a porta do corazón a sereas que o único que pretenden é esnaquizar a barca matrimonial e familiar”. Preséntansenos novas formas de vivir ás que hai que dar sentido e espiritualidade. Son os retos das nais solteiras, das unións libres, dos mozos evadidos no mundo das drogas, do alcol, do diñeiro fácil e dos grupos marxinais. Non poden pasarnos desapercibidas as circunstancias que levan ao aborto, acompañando e colaborando a evitar “esta estrutura de pecado contra a vida humana aínda non nada”.

Pidamos á Sagrada Familia buscar hoxe unha revitalizada espiritualidade que sosteña e dea esperanza ás familias. As nosas comunidades deben ser “un espazo de acollida, de comprensión, calidez e fraternidade”, sabendo que “cada home e muller que vén ao noso encontro é unha persoa, cos seus dereitos, coas súas necesidades e coa súa sede de amar e ser amada”.

Queridas familias cristiás, a comprensión é o bálsamo con que superaredes as tensións propias da vida familiar. As vosas casas han de ser fogares da luz que brillou en Belén e que necesita hoxe a nosa sociedade. Ás veces procurando que non falte de nada na familia, falta o amor. É necesario o voso testemuño, vivindo a fe de maneira gozosa e responsable, axudando o necesitado e traballando pola paz. Anunciemos con gozo a beleza da familia. Nesta festa da Sagrada Familia, temos presentes a todas as familias da Diocese para que Deus Pai as ateigue de bendicións coa intercesión de Xesús, María e Xosé. Amén.

[1] Cf. Bieito XVI, Spe salvi, 26-27.

Versión en castelán