Homilía na Misa de Nadal

Gesegnete Weihnacten. Merry Christmas. Joyeux Noël. Auguri per un Santo Natale. Bo Nadal. Bo Nadal.

“O Señor consola o seu pobo e verán os confíns da terra a vitoria do noso Deus”. No nacemento do Fillo de Deus feito home, o proxecto de Deus Pai toma corpo, concrétase, e enche o corazón de todo home da única paz que dá sentido á vida aquí, agora e sempre na eterna comuñón con El. Xesucristo tomou un corazón de home, unha sensibilidade de home; emocionouse, soubo compadecerse, sufriu e por iso é capaz de vir en axuda dos que son probados. É o Deus connosco. Revélasenos cunha imaxe distinta de como o pensásemos. É debilidade, tenrura, agarimo, misericordia entrañable. Todo o débil ten sentido en nós. A forza de Deus maniféstase na debilidade. Todas as debilidades da nosa historia teñen posibilidade de futuro. Abriuse de par a par a porta da esperanza.

Recoñezamos a nosa dignidade, pasando do vello ao novo, da impiedad a unha vida honrada e relixiosa para dicir: “Gloria a Deus no ceo e na terra paz aos homes de boa vontade”. Nadal é a manifestación do misterio do amor de Deus cara a nós. Revela que o Fillo de Deus non quere dominar a historia desde posicións de poder, senón que a quere habitar na sinxeleza dunha familia pobre; non quere utilizar tácticas de forza, senón buscar a concordia lonxe de toda violencia. Por iso, estamos a celebrar un Misterio que marca a historia humana segundo o designio de Deus e esvaecida polo home nas guerras, o terrorismo e a non aceptación dos demais. Deus no seu Fillo puxo a súa tenda no medio de nós, falando a linguaxe universal do pequeno, do débil, do pobre, que rompe os nosos esquemas. Isto enténdeno só os que son capaces de descubrir o sinal dun “neno envolto en cueiros e deitado nun presebe”; quen sabe que a forza de Deus se manifesta na debilidade; quen ten conciencia de que Deus é amor (1Xn 4, 8.16).

Celebrar o Nadal lémbranos que tanto amou Deus o mundo que enviou o seu Fillo para salvalo e que a dignidade do ser humano foi restituída pois nela o pecado tiña desfigurado a imaxe de Deus. O Neno que se nos deu disipa as tebras coa súa luz. Non hai lugar para o temor porque a gloria de Deus nos envolve: “Deus Pai falounos polo Fillo, herdeiro de todo, que sostén o universo coa súa palabra poderosa”. Vivir o Nadal é recuperar a forza para afrontar os problemas da vida diaria, persoal, familiar, laboral e social, como fillos de Deus. “Deus fíxose criatura… que nos abre a porta do eterno. O ceo e a terra xúntanse nunha Palabra nova: Misericordia entrañable derramada como bálsamo sobre a ferida do home, e redímenos do fastío e do cansazo de vivir, e proxéctanos ao Infinito de Deus”.

“No Neno de Belén fixo a súa entrada neste mundo a forza invencible do amor divino”[1]. Esta certeza infúndenos ánimo, ensinándonos que o camiño da felicidade pasa pola austeridade, o da paz pola xustiza, o da abundancia pola solidariedade, o da salvación polo amor. O Fillo de Deus fíxose home para redimir todas as situacións humanas: as alegrías, e as tristezas; os éxitos e os fracasos; a saúde rebordante e a enfermidade; os momentos de plenitude radiante e os instantes de dúbidas e perplexidades. Coidemos que a luz de Belén non se apague polos ventos xélidos da indiferenza relixiosa e do relativismo moral.

A proposta cristiá, dada a coñecer na cova de Belén, é a grandeza e o sentido dunha vida fundada na verdade e no compromiso co ben e a paz. “No Fillo de Deus estaba a vida e a vida era a luz dos homes”. Camiñemos na luz, vivindo como fillos da luz, manifestada nas boas obras; e decidámonos sempre pola defensa da dignidade dos máis débiles, sen esquecer que na nosa relación con Deus cobran sentido a visión do mundo e do home, os principios e valores que nos levan a atoparnos con Deus no home. O Nadal convídanos a transformar a nosa sociedade nunha realidade de comuñón e fraternidade no medio do desgaste espiritual que padecemos. Contaxiemos o espírito do Nadal! Pidamos ao Espírito Santo que faga nacer nos nosos corazóns a Cristo, para crecer en santidade ata que cheguemos á perfección, a medida da infinita grandeza de Cristo que enche todo o universo. Bo Nadal! Amén.

[1] J. Ratzinger, Palabra na Igrexa, Salamanca 1976, 293.

Versión en castelán