Homilía na Solemnidade do Apóstolo Santiago

Maxestades

Irmáns no Episcopado

Capitulares

Autoridades

Sacerdotes, Vida Consagrada e laicos

Membros da Arquiconfraría do Apóstolo Santiago

Peregrinos, Televidentes e Radiointes

 

Moitas grazas, Maxestades, por presentar persoalmente a Ofrenda ao Apóstolo Santiago e estar connosco e entre nós! Causou moita incerteza a pandemia do Covid 19 que nos está afectando neste tempo no que As súas Maxestades compartiron as angustias, sufrimentos e preocupacións do noso pobo. Sinceramente agradecémosllo. As epidemias non están feitas á nosa medida, por tanto considerámolas como un mal soño do que esperamos espertar. Sempre nos sorprenden, xerando na nosa convivencia diaria a dúbida e o medo, e  facéndonos saír da burbulla en que parecía que todo o tiñamos controlado, para caer na conta do esencial da vida e da urxencia de axudarnos mutuamente. Sentimos a necesidade da tenrura humana, de acompañar e sentirse acompañado, dirixindo a mirada á contorna e ao ceo pedindo a axuda tamén do apóstolo Santiago, o noso Patrón, para superar esta pandemia e librarnos doutra non menos ferinte na condición humana como é unha vida sen sentido, sen esperanza e sen amor.  No medio de todo o Señor lembrounos que está connosco, e que talvez a nosa fe é pouca. Dicía o papa Francisco na súa memorable homilía a unha sociedade  recluída: “Non é o momento do teu xuízo, Señor, senón do noso  xuízo: o tempo para elixir entre o que conta verdadeiramente e o que pasa, para separar o que é necesario do que non o é”.

Nesta solemnidade lembramos que ao apóstolo Santiago o Señor concedeulle a graza de beber o seu cáliz, de participar na súa sorte, sendo o protomártir dos apóstolos. Beber o cáliz do Señor convértese en fonte de vida e de esperanza coa certeza de que non temos que cargar sós co noso sufrimento. “Abrazar a Cruz de Cristo é animarse a abrazar todas as contrariedades do tempo presente, abandonando por un instante o noso afán de omnipotencia… É animarse a motivar espazos onde todos poidan sentirse convocados e a permitir novas formas de hospitalidade, de fraternidade e de solidariedade”.

As reliquias do Apóstolo son memoria que nos anima a guiarnos coa luz do Evanxeo “de tal modo que se poida responder aos perennes interrogantes dos homes sobre o sentido da vida presente e futura, e sobre a relación mutua entre ambas as” (GS 4). É preciso redescubrir a presenza e a bondade de Deus Pai, que “liberou os homes do medo e do sometemento para supostos principios do mal que competisen en poder coa bondade do único poder real sobre todas as cousas, o de Deus”[1]. O home convertido en ídolo, como configurador de si mesmo e do seu mundo, acaba por destruír ou poñer en perigo a natureza e a humanidade[2].

“Crin, por iso falei”. A fe libéranos do medo, dános esperanza e interpela os desencantados. Hase de manifestar coa  alegría “que nace do que se atreve, pensa e traballa, non do que esquiva decisións. A gloria de cada home e o destino dun país dependen da coraxe daqueles homes e mulleres que desterrando a tristeza e cultivando a alegría esquécense de si mesmos para pensar no outro, nos outros e en Deus” (González de Cardedal). Ante o medo e a desesperación de moitas persoas cando se menoscaba ou se nega a primacía do ser humano, vemos que “a vida se acrecenta dándoa e debilítase no illamento e a comodidade” (EG 10).

A unidade na colaboración, a reconciliación ante o enfrontamento, a liberdade, o respecto aos dereitos e a responsabilidade ante os deberes, a inquebrantable defensa da dignidade humana, a solidariedade e a cultura do coidado común son logros aos que non podemos renunciar[3] e que nos axudarán a superar a crise humanitaria, tamén nunha Europa que naceu peregrinando ao redor da memoria do apóstolo Santiago. É preciso discernir o que nos ocorre buscando a saúde da alma e do corpo, e as solucións para reconstruír o tecido económico, tendo en cuenta sempre o ben común.

Temos que mirar máis aló dos bordos da nosa finitud “para que se vexa que unha forza tan extraordinaria é de Deus e non provén de nós”. Arrincar as raíces da nosa orixe lévanos á perda do sentido ético e relixioso, diluíndo a dimensión  transcendente. “O home non se fía de Deus… Abriga a sospeita de que Deus, en definitiva, quítalle algo da súa vida, que Deus é competidor que limita a nosa liberdade e que só seremos plenamente seres humanos cando o deixemos de lado; é dicir que só deste xeito podemos realizar plenamente a nosa liberdade” (Bieito XVI, 8 de dic. de 2005). A gloria e esixencia da autonomía que Deus confire ao home é velar polos demais, vencendo o mal a forza de ben (Rm 12,21), e recoñecendo que somos fráxiles e vulnerables. A Igrexa preserva o humano no home. Sexamos valentes en nosa propia debilidade! O Señor dinos que el veu a servir e non a ser servido e que o que queira ser o primeiro que sexa o último. O individualismo favorece un estilo de vida que debilita o desenvolvemento e a estabilidade dos vínculos entre as persoas, xerando violencia, inxustiza e opresión. Todos estamos na mesma barca, fráxiles e desorientados, dicíanos o Papa. Non tiremos pola borda como un fardo anticuado a nosa tradición. Ao compartir esta reflexión non pretendo facerme dono das vosas conciencias senón colaborar na vosa alegría para gloria de Deus.

Maxestades, con confianza acollo a vosa ofrenda para poñela no Altar. Apóstolo Santiago,  asiste e protexe o Papa Francisco e a Igrexa que peregrina en España para que nos manteñamos fieis a Cristo. Encomendo coa túa intercesión a todos os pobos de España para que constrúan unha sociedade polo camiño da esperanza. Amigo do Señor, lembro con memoria agarimosa as persoas que morreron pola pandemia do coronavirus ou por calquera outra causa. Non esquecemos as que morreron hai sete anos nas vésperas da túa festa polo accidente ferroviario, confiando que todas gocen xa da felicidade eterna. Intercede polos nosos gobernantes para que saiban atopar, en diálogo sereno e respectuoso coa verdade, solucións aos auténticos problemas que nos preocupan, e por todas aquelas persoas que están ofrecendo os seus mellores esforzos para responder ás esixencias dos demais. Co teu patrocinio, Santo Apóstolo, pido que o Señor bendiga as súas Maxestades e a Familia Real. Amén.

 

[1] CEE, Deus é amor. Instrución pastoral nos limiares do terceiro milenio, 1998, 31.

[2] Cf. Ibid., 44.

[3] Cf. Testemuñas do Deus vivo, 23.

Versión en castelán