Homilía de mons. Julián Barrio na Misa das Familias

Agradezo a vosa participación nesta festa da Sagrada Familia. Dou grazas a Deus polas nosas familias e pido que siga bendicíndoas, de maneira especial ás que están a pasar momentos difíciles. Saúdo con afecto os nenos e os mozos, os adultos e os anciáns sabendo que a Igrexa é familia e que a familia é igrexa doméstica.

Esta festa é un acontecemento íntimo que nace da experiencia de ser amado nunha contorna de amor. É o reflexo da experiencia vital do amor de Deus plasmado nas relacións humanas. Acrecentamos o amor na nosa familia e transmitímolo á familia universal cando vivimos a experiencia do amor que Deus nos ten. A primeira lectura reflicte o sentir de quen vive a súa vida orientada desde Deus. É un precioso comentario ao cuarto mandamento, subliñando a honra, o respecto e o coidado dos pais. Unha boa relación espiritual con Deus leva unha relación axeitada cos demais e en primeiro lugar cos pais. “Porque a compaixón cara ao pai non será esquecida e servirache para reparar os teus pecados” (Eclo 3,14).

Neste sentido Paulo escribe aos Colosenses que da experiencia de ser perdoados polo Señor nace o noso perdón aos demais; da experiencia de atopar paz no Señor nacen uns valores que conducen a unha vida pacificada; da escoita da Palabra do Señor nace unha relación gozosa con Deus. Esta actitude leva a unha vida chea de afecto, de reconciliación e de loanza.

Simeón é unha persoa asistida polo Espírito Santo e déixase conducir por el. A súa forma de vida e a súa obediencia ao Espírito permítenlle recoñecer a Xsús e experimentar a alegría e o consolo de atopalo. Espera e vai ao encontro para acollelo. Vivimos as condicións de ser conducidos polo Espírito de Deus ou nos moven outras cousas? Na importancia da vida cotiá como experiencia de crecemento espiritual, trátase de testemuñar a Deus na cadencia rutineira dos nosos días sinxelos e ocultos.

É necesaria a espiritualidade do coidado, do consolo e do estímulo. “Os esposos cristiáns son mutuamente para si, para os seus fillos e para os restantes familiares, cooperadores da graza e testemuñas da fe”. Por iso mesmo “a familia foi sempre o hospital máis próximo”, onde temos que curarnos e animarnos uns a outros, como parte da nosa espiritualidade familiar. O amor de Deus exprésase “a través das palabras vivas e concretas con que o home e a muller se declaran o seu amor conxugal”. “Querer formar unha familia é animarse a ser parte do soño de Deus, é animarse a soñar con el, é animarse a construír con el, é animarse a xogarse con el esta historia de construír un mundo onde ninguén se sinta só” (Amoris Laetitia 321).

Na familia han de atopar a realización plena as persoas que a compoñen. Nela é posible experimentar o amor máis parecido ao amor de Deus, porque se nos ama non polo que facemos ou temos senón polo que somos; non se nos quere polas nosas calidades nin se nos deixa de querer polas nosas limitacións Canta xenerosidade, dedicación e dispoñibilidade no coidado dos nenos, mocidade e maiores en circunstancias ás veces difíciles por parte da familia! “Os nenos teñen dereito a crecer nunha familia cun pai e unha nai, capaces de facilitar o seu desenvolvemento e maduración afectiva”. É a mellor garantía fronte á fragmentación social.

“O matrimonio é unha necesaria combinación de gozos e de esforzos, de tensións e de descanso, de sufrimentos e de liberacións, de satisfaccións e de procuras, de molestias e de praceres, sempre no camiño da amizade, que move os esposos para coidarse”. Hai que fortalecer a cultura da fidelidade que alegra a vida pois o “compromiso definitivo de solidariedade, fidelidade e amor fecundo responde os desexos máis profundos do corazón humano”. A fidelidade e a felicidade na vida matrimonial “é un traballo de ourivaría que se fai todos os días ao longo da vida”.

É necesario o testemuño das familias cristiás que viven a súa fe de maneira gozosa e responsable. O afastamento de Deus e a marxinación dos valores morais, sempre favorecen a deterioración da vida familiar. Anunciemos con gozo a beleza da familia, miremos á Sagrada Familia e valoremos este tesouro “que Deus regalou á humanidade e que é responsabilidade nosa coidar”. Nesta festa da Sagrada Familia, pido para todas as familias da Diocese a bendición de Deus coa intercesión de Xesús, María e Xosé. Amén.

 

Versión en castelán