Homilía de monseñor Barrio na Eucaristía do Mércores de Cinza

Iniciamos o tempo litúrxico da Coresma, “signo sacramental da nosa conversión, que anuncia e realiza a posibilidade de volver ao Señor con todo o corazón e con toda a vida”, como nos di o Papa na súa Mensaxe coresmal[1]. A Igrexa quere ser o espertador da nosa conciencia porque talvez abandonamos a Deus e mantémonos na morneza, que o Señor detesta. Dános esperanza saber que “El está de pé á porta e chama. Se alguén escoita a súa voz e abre entrará na súa casa, ceará con el e el comigo” (cf. Ap 3,14-22).

A Coresma é unha chamada: o Señor pronuncia o noso nome porque nos coñece, ámanos e está pendente de nós. O máis íntimo en nós non é a nosa debilidade senón Deus, como dicía santo Agostiño. Con esta conciencia temos que saír de nós mesmos para non encerrarnos no noso bucle egocéntrico nin vivir unha vida de mínimos e deixarnos preguntar por Deus. Así poderemos ver as nosas debilidades como oportunidades para que se mostre a súa fortaleza. O Papa advirte que temos que liberarnos dos falsos profetas que nos presentan un pracer momentáneo como a felicidade ou que din que a nosa grandeza é fiarnos da nosa autosuficiencia ou que pode haber fecundidade apostólica e espiritual á marxe da cruz. “Meus queridos, escribe san Xoán evanxelista, non vos fieis de calquera espírito, senón examinade se os espíritos veñen de Deus, pois moitos falsos profetas saíron ao  mundo… Eles son do mundo; por iso falan segundo o mundo e o mundo escóitaos” (1Jn 4,1.5). O profeta Xoel pide acoller con confianza filial a Deus, “compasivo e misericordioso, lento á cólera, rico en piedade” (Xl 2, 13). San Paulo lémbranos que non podemos vivir en paz co próximo senón se vive en paz con Deus. Deixádevos reconciliar con Deus! Vivamos en Deus  e poñámolo no corazón dun mundo esgazado por contendas e inxustizas! Deixémonos habitar por Deus e levemos a súa bondade a todos! Necesitamos avaliar o noso corazón para evitar todo aquilo que apaga a caridade nel como pode ser “a avidez polo diñeiro, o rexeitamento de Deus, a violencia contra aqueles que consideramos unha ameaza, a neglixencia en coidar a nosa casa común: a terra, o mar, os ceos, e a mundanidade espiritual” que “é buscar, en lugar da gloria do Señor, a gloria humana e o benestar persoal” (EG 93).

Para remediar os síntomas desta enfermidade, a Igrexa proponnos a oración, o xaxún e a esmola que nos axudan a tomar conciencia de nós mesmos, e a atoparnos cos demais e con Deus no camiño cara á celebración do misterio pascual. A oración, escribe o Papa, “fai que o noso corazón descubra as mentiras secretas coas cales nos enganamos a nós mesmos, para buscar finalmente o consolo en Deus”. O xaxún “debilita a nosa violencia, desármanos, e constitúe unha importante ocasión para crecer”. A esmola que ha de ser un estilo de vida, “libéranos da avidez e axúdanos a descubrir que o outro é o meu irmán: nunca o que teño é só meu”. “Se algún di: ‘amo a Deus’, e aborrece o seu irmán, é un mentireiro; pois quen non ama o seu irmán, a quen ve, non pode amar a Deus a quen non ve. E recibimos del este mandamento: quen ama a Deus, ame tamén o seu irmán” (1Xn 4,20-21). Pídesenos dar unha resposta desde a fe e desde o Evanxeo aos nenos aos que se lles impide vivir unha infancia digna, aos mozos que non atopan sentido á súa vida, aos adultos que vagan na indiferenza, ás familias que se rachan, aos anciáns que gastan o atardecer da súa vida xaxúns de esperanza.

Esgacémonos os corazóns para que poidamos vernos como somos, e para que a indiferenza non nos deixe paralizados para facer o ben. Encamiñémonos cara á Pascua, acompañados polo apóstolo Santiago e a Virxe do Pilar.  Amén.

[1] FRANCISCO, Ao crecer a maldade, arrefriarase o amor na maioría (Mt 23,12)

Versión en castelán