Intervención de mons. Barrio en Cope: 10 de xaneiro de 2020

Hai como un fío de continuidade entre as lecturas propias do Advento e as desta última solemnidade de Nadal, o Bautismo de Xesús, abríndonos paso xa ao chamado tempo litúrxico ordinario. E ese factor común é a esperanza de que o Mesías, como di o profeta Isaías, é o servo de Iavé, elixido e cheo do espírito de Deus para establecer o dereito no mundo, coidando de non romper o débil nin apagar a luz vacilante.

O Bautismo de Xesús no Xordán é manifestación da gloria do Pai. E nesa gloria está tamén a gloria do home, porque a pesar dos momentos de incerteza, xeradores de desesperanza, unha lectura crente da realidade convídanos sempre a recoñecer que o Deus feito home, traerá “o dereito ás nacións”. En Cristo non hai dobrez: hai claridade; en Cristo non hai engano: hai verdade; en Cristo non hai estratexias nin cálculos: hai sobreabundancia de amor.

Tras estas gozosas festas de Nadal a volta ao tempo ordinario é a ocasión para contemplar o esencial nas nosas vidas: a identificación con Cristo, sen perder de vista o noso concreto existir. O esencial encárnase no circunstancial e se queremos que a nosa fe volva ser referencia para a sociedade –agora que parecemos prescindibles ou invisibles-, será preciso volver á raíz da primeira comunidade, perseverando “na comuñón, na fracción do pan e nas oracións”. Os primeiros crentes, “vivían todos unidos e tiñan todo en común; vendían posesións e bens e repartíanos entre todos segundo a necesidade de cada un…, loaban a Deus e eran ben vistos de todo o pobo” (Feit, 2, 42-47).

Só un testemuño persoal serio, crible, eficaz, comprometido coas necesidades dos pobres e as arelas dos débiles, pode ir transformando a nosa sociedade conforme ao plan de Deus.

Oxalá que saibamos neste tempo ordinario levar a Palabra de Deus, que sementa paz e xustiza, recoñecéndonos como fillos de Deus e irmáns os uns dos outros, poñendo aceite en tantas feridas que padece o home dos nosos días.

Versión en castelán