Intervención de mons. Barrio en Cope: 12 de abril de 2019

Venres de Dores. Hoxe é unha desas datas que o calendario remarca con intensidade na vida das nosas vilas, aldeas e cidades. Con esta xornada, a relixiosidade popular, dá inicio ás celebracións da Semana Santa. Moitas veces as tradicións remítennos a esa Tradición con maiúscula que forma parte do noso ser cristián. E acompañar á Virxe das Dores é un bo modo de preparar a alma para a celebración desa festa maior da Resurrección, coa que culminará a Semana Santa.

Só hai uns días tiven a oportunidade e a honra de actuar como pregoeiro da Semana Santa de Santiago. Lembraba nese acto tan entrañable que unha “procesión non é un paseo cívico, nin un acto cultural; é unha catequese dada e recibida na elocuencia do silencio. É un acto público de profesión de fe e de adhesión aos seus misterios”. E é que o procesionar nas rúas e prazas dos nosos ámbitos urbanos é unha acción de evangelización, pois nos sitúa no ambiente cotián das cidades, en saída, abandonando por unhas horas o fogar cálido dos nosos templos.

O testemuño das nosas confrarías e dos seus integrantes é unha manifestación de que viven apaixonadamente as súas conviccións relixiosas. “Santiago”, dixen no pregón, “é cidade aberta a peregrinos que nos impactan coa súa fe. Transmitamos a alegría do Evanxeo coas nosas manifestacións de piedade, expresando o noso amor a Xesucristo para que todos crean no”.

O silencio e o recollemento do procesionar son como figura ou metáfora do clima de oración e contemplación co que habemos de vivir estas datas. Do Domingo de Ramos á Pascua, Jesús búscanos para que lle acompañemos no culmen da súa misión. Necesítanos a cada un de nós. El tivo os nosos nomes e as nosas historias persoais no seu corazón cando chegou triunfante a Xerusalén, cando ceou por última vez cos seus amigos, cando sufría dolorido camiño do Calvario. E, sobre todo, tívonos presentes na noite gloriosa, luminosa, da Pascua, cando a súa Resurrección fixo novas todas as cousas e ofreceunos a oportunidade de camiñar máis aló do sufrimento e da morte. Santa Semana de graza para todos.

Versión en castelán