Intervención de Mons. Barrio en Cope: 13 de abril de 2018

 

No medio das noticias de todo tipo que nos presentan os medios de comunicación, desde a comparecencia do creador dunha importante rede social ante o Congreso de Estados Unidos á polémica sobre a obtención de títulos universitarios por parte dalgunhas personalidades públicas, unha desas informacións, unha sentenza do noso Tribunal Constitucional, fainos reflexionar sobre a importancia do dereito á educación para a conformación dunha sociedade libre e con valores democráticos. Un dereito que afecta moitísimo as familias.

Dita sentenza vén confirmar a plena vixencia do dereito que os pais teñen a elixir o modelo educativo que consideren mellor para os seus fillos. Nese dereito figura o de levar aos fillos a centros escolares con educación diferenciada, como reflexo da propia variedade educativa que recoñece a nosa Constitución.

Nada hai nestes centros de ánimo segregador tal e como argumentaban, con indubidables tinguiduras ideolóxicas, quen solicitara do Tribunal Constitucional un posicionamento contrario á existencia deste modelo formativo. Que alguén non estea de acordo con esta opción, non significa que deba prohibirse. A tolerancia é, precisamente, o contrario: aceptación da diferenza en liberdade. O contrario sería intolerancia e imposición dun único modelo educativo, no que os pais serían meros espectadores. O modelo, por ser plenamente constitucional, pode recibir financiamento público vía subvenciones.

Trátase, sen dúbida, dunha boa noticia pois, á vez, o alto tribunal avala a constitucionalidade da Relixión como unha materia máis. Desde a Igrexa diocesana valoramos na súa medida esa preocupación que manifestades os pais pola educación dos vosos fillos e fillas. Nela poñedes todo o voso empeño e esforzo. Defender a elección de centro, o modelo educativo e a clase de Relixión en igualdade de trato co resto das demais materias, é unha tarefa de defensa da liberdade de educación e unha forma de expresar a nosa visión do home desde a fe.

Versión en castelán