Intervención de mons. Barrio en Cope: 14 de xuño de 2019

 

A Fundación Foessa, nacida dunha iniciativa de Cáritas, acaba de facer público o seu último informe. E a sensación tras unha lectura apresurada dos datos é agridoce, reflectindo un “momento de incerteza”, como dixo o coordinador do estudo. A economía mellorou as cifras do ano do inicio da crise, aínda que non chega aos niveis de 2007, pero polo camiño foi creando un ambiente de sociedade “estancada” no que a exclusión se enquista: o número de persoas en exclusión social en España é de 8,5 millóns, o 18,4% da poboación, o que supón 1,2 millóns máis que en 2007 (antes da crise). Dentro dese grupo hai 4,1 millóns de persoas en situación de exclusión social severa. E deles, 1,8 millóns de persoas (600.000 en 2007), “acumulan tal cantidade de dificultades e de tal gravidade que esixirían dunha intervención urxente… para garantirlles o seu acceso a unha vida minimamente digna”, tal e como di o informe.

É este un motivo serio para repensar o noso compromiso cristián en favor dunha auténtica comunidade de bens. A Doutrina Social da Igrexa non pode ser só un conxunto de principios, senón unha práctica diaria de solidariedade e de caridade entre persoas. É certamente magnífico que “o 48,4% da poboación” leve unha vida digna en termos materiais” e que se recuperou “aos mesmos niveis de antes da Gran Recesión”, pero consolidouse unha brecha entre ese grupo, maioritario, visto como sociedade das oportunidades, e un segundo grupo, que conforma a “sociedade insegura” e na que estarían uns 6 millóns de persoas, que viven “no gume da navalla”. E iso é, efectivamente, moi preocupante.

Problemas para acceder á vivenda, precariedade laboral, desemprego, críticas situacións sanitarias dos maiores dependentes, medicamentos inaccesibles por falta de diñeiro, familias numerosas ao bordo da exclusión… Este é o mapa dunha sociedade que mostra, como din os autores do estudo, unha especie de fatiga “da solidariedade”. Temos que reaccionar ante ese risco de que o excluído sexa ademais invisible e molesto. Temos que volver ser, como cristiáns e como Igrexa, casa de acollida, terreo sagrado no que acompañar a persoa que sofre, dignificando a súa vida e a súa historia persoal.

Versión en castelán