Intervención de mons. Barrio na Cope: 22 de marzo de 2019

“O amor coida a vida”. Este é o lema deste ano para a celebración da “Xornada pola Vida” que se desenvolverá este próximo luns, día 25 de marzo, solemnidade da Anunciación do Señor. A aposta pola defensa da vida é sempre unha aposta pola dignidade integral da persoa. Nalgunha ocasión sentímonos interpelados cando alguén se pregunta se a vida de tal ou cal persoa, ante o sufrimento que experimenta por unha enfermidade ou un proceso de envellecemento, “merece a pena ser vivida”. Pois si, toda vida merece a pena ser vivida desde a dimensión do amor.

O noso Deus non é un ser estraño, indiferente ou frío ao que non lle importen en absoluto os nosos problemas. É un Deus próximo, un Deus que El mesmo é familia e que no seu Fillo encarnado asume o misterio da dor e a dureza da vida. Nós “somos”, vivimos e existimos no amor de Deus. O seu amor primeiro é o que alenta o noso amor humano. E toda vida, desde o estado embrionario, no ventre dunha nai, ata a de maior idade ou máis fráxil na súa debilidade, é un ben inefable.

Nunha lectura crente da nosa realidade cotiá percibimos cos ollos da alma que ninguén é máis persoa por ser un canon de beleza, nin ninguén é menos persoa por estar hospitalizado ou ser dependente para afrontar o día a día. É verdade que non poderemos sempre explicar o porqué da dor ou do sufrimento. Pero sempre poderemos acompañalos desde a nosa proximidade e o noso servizo. Como fixo Cristo ao asumir a nosa condición humana, sen aforrarse nada do autenticamente humano, salvo o pecado.

Quizais non poidamos curar graves enfermidades, pero si aliviar o abandono ou a soidade de moitos enfermos e anciáns, axudando a superar a angustia, quizais o temor á propia morte. Son eses xestos concretos de acompañamento, que moitos de vós practicades cos vosos achegados, as expresións dunha verdadeira cultura da vida, e as iconas desa esperanza que a solemnidade da Anunciación nos ofrece: Deus xa está connosco.

Versión en castelán