Intervención de mons. Barrio en Cope: 24 de maio de 2019

Celébrase mañá sábado unha reunión desas que non adoitan acaparar titulares nos medios de comunicación, pero que non por iso deixan de ter a súa transcendencia. É un encontro do equipo de Pastoral Familiar da diocese que vai avaliar este curso e a definir as actuacións para o próximo. Este ano producíronse novidades destacables neste campo tan importante para a vida da nosa Igrexa diocesana: redefiniuse o contido das catequeses prematrimoniais e fixouse un criterio común para toda a arquidiocese; estableceuse un itinerario para a formación de novas parellas aínda sen data de voda; e deseñouse un camiño de acompañamento a matrimonios recentemente casados.

Pode parecer pouco ou intranscendente, pero é moito e de fonda dimensión para o futuro. Boa parte do porvir da sociedade dilucídase no terreo de xogo da familia. É unha prioridade da Igrexa traballar pola maduración humana e psicolóxica dos noivos e dos esposos, porque iso será garantía dunha serena e sa formación humana e cristiá dos seus fillos. Hai que recuperar a familia como ese ámbito en que o amor, a entrega e a gratuidade son acenos de identidade e de humanidade da nosa condición de persoas. Lugar no que a igualdade nos dereitos e o respecto á dignidade é o núcleo duro das relacións en parella, cos fillos e coa contorna.

Un bo termómetro co que medir o compromiso da sociedade e dos seus representantes e responsables políticos co ben común, pasa pola súa concepción sobre a persoa e o matrimonio; sobre a familia e sobre a protección dos máis fráxiles nela, anciáns ou enfermos; sobre a defensa integral da vida.

Sodes vós, pais e nais de familia, cos vosos fillos, os que estades chamados a facer presente no mundo normal e cotián os valores e as virtudes do Evanxeo, coa forza do Espírito Santo que fará que non “trema o voso corazón nin se acovarde”. E para iso contades co apoio de toda a Igrexa diocesana.

Versión en castelán