Intervención de mons. Barrio en Cope: 31 de maio de 2019

Celebramos este domingo a festa da Ascensión, unha desas datas que daban orixe a expresións populares ou refráns como aquel “tres xoves hai no ano que relocen máis que o sol: Xoves Santo, Corpus Christi e o día da Ascensión”. Era un reflexo da relixiosidade popular e da piedade das nosas xentes e poboacións. Trasladada ao domingo, a festa da Ascensión coincide agora coa Xornada Mundial das Comunicacións Sociais.

A Igrexa propón neste ano unha reflexión sobre as redes sociais. Expón a necesidade de crear unha auténtica comunidade humana, na que prime a persoa e se aborden os riscos que este recente fenómeno das redes sociais provoca na sociedade. Hai exemplos moi recentes e non fai falta insistir neles. Son moitos os pais e nais preocupados polas consecuencias que poderían ter sobre a formación dos seus fillos. Entre estes riscos están o ciberacoso que sofren moitos menores, a presenza de falsidades e manipulacións na internet ou  as ameazas á privacidade.

Hai que felicitar aos comunicadores e aos profesionais da información que apostan pola veracidade e a construción dunha cultura que respecte a dignidade do home e da muller. Hoxe actuar así é un exercicio audaz no medio de certas prácticas que reducen o ser humano a obxecto ou cousa.

Pero a comunicación non é só e exclusivamente xornalismo nas súas distintas manifestacións. A comunicación é unha expresión de humanidade e un modo de relacionarse. Por este motivo o noso reto como cristiáns consista en ser capaces de achegar o noso gran de area para que as redes sociais se transformen en comunidade. Deus é comunidade de persoas e comunicación de amor. El non fai comunicacións “virtuais”: fálanos desde a súa realidade trinitaria, sae ao noso encontro dun modo real e chámanos de corazón a corazón. A Ascensión non deixa de ser a aposta de Cristo para constituírnos a todos en discípulos comunicadores, capaces de difundir nas redes a verdade da “boa noticia”.

Versión en castelán