Intervención de mons. Barrio en Cope: 7 de xuño de 2019

Celebraremos mañá sábado a asemblea diocesana de final de curso. É o colofón a uns meses que foron densos para todos cuantos contribuís á misión de poñer por obra a programación pastoral, realizada este ano baixo o lema “O ministerio da santificación”. Quérovos agradecer a vós, axentes de pastoral, esa dedicación que fai posible o anuncio da palabra de Xesús nas realidades que constitúen o voso espazo de evanxelización.

Felicítovos cordialmente: a Iglesia confía nas vosas mans, nas vosas palabras e nos vosos xestos para transmitir a ledicia da fe no Resucitado. En vésperas de Pentecoste, esa solemnidade tan ligada ao apostolado segrar e á Acción Católica, é máis patente aínda a esperanza certa e sólida da acción do Espírito para avivar o voso compromiso.

Non se nos oculta que hai momentos en que a tentación do desánimo pode inducirnos á pasividade, ao retraimento. Sobre todo cando vemos noticias que nos falan do suicidio asistido dunha moza holandesa de 17 anos, a cuxa inmensa dor moral ao ser violada non se soubo dar resposta; de avances nese trashumanismo que quere converter o home nunha especie de máquina perfecta, afastada o máis posible da morte; da selección xenética e manipulación embrionaria; e de tantas outras realidades que degradan a dignidade da persoa.

É coma se esa tentación nos convidase a dicir: “ata aquí chegamos, eu xa non podo máis”. Pois ben, non vos deixedes vencer por esa sibilina insinuación. A vosa tarefa é imprescindible para restaurar a verdadeira concepción do home e a muller como persoas. Non teñades ningunha dúbida de que sodes protagonistas nesa gran escena que enfronta o misterio de Cristo co misterio da iniquidade. O combate é por salvar a persoa.

O ministerio da santificación non é outra cousa senón ir aplicando na nosa pequena historia persoal o xuízo do Espírito ao espírito do mundo. Aínda asumindo a nosa fraxilidade, se proclamamos a Cristo fronte ao misterio da iniquidade, estamos a vencer o mal co ben, o odio co amor, a inxustiza coa xustiza. Estaremos a facer que Cristo venza na historia, e sempre en beneficio do home.

Versión en castelán