Intervención de monseñor Julián Barrio na celebración dos 50 anos de cadea COPE Galicia

A celebración dos 50 anos de cadea COPE Galicia é unha boa oportunidade para agradecer a obra realizada e manifestar os desexos máis esperanzadores de fronte ao futuro. A miña cordial felicitación.

Alguén escribiu que a palabra serve para ocultar o pensamento, pero en realidade Deus deunos a facultade de falar como vehículo para comunicar a verdade interior. Sabemos que a radio é un dos “marabillosos inventos da técnica que mira principalmente o espírito humano”. Os comunicadores e responsables da comunicación neste medio van deixando a pegada do pensamento e da palabra como o peregrino deixa as súas pegadas no camiño, descubrindo cada día novos horizontes. Nesa pegada deben reflectirse a finura de espírito, o respecto, a cordialidade e o amor á verdade. Cando se comunica un contido erróneo non se contribúe a formar xuízos xustos e a tomar decisións apropiadas. No obradoiro da emisora os comunicadores son oleiros da palabra que nace nun río propio e desembocan no mar da sociedade. E isto esixe responsabilidade, honradez, creatividade e competencia profesional que garantan a obxectividade, o pluralismo e a liberdade, valores que avalan a comunicación como servizo ás persoas. “Se é difícil unha obxectividade completa e total, non o é menos a loita por dar coa verdade, a decisión de propoñer a verdade, a praxe de non manipular a verdade, a actitude de ser incorruptibles ante a verdade”. “O que considera verdadeiro o que é falso non é libre; o que afirma o falso, manténdoo como verdadeiro, non é leal: e pódese faltar ao respecto á verdade tanto dicindo positivamente o que é falso, como dicindo só unha parte da verdade, calando intencionadamente a outra”. Os profesionais da Radio han de ser tamén comunicadores do importante por encima do interesante, preocupados polo interese público por encima do interese do público. Non é un compromiso fácil: ás veces é preciso ir contra corrente e pódese sentir soidade, incomprensión e mesmo marxinación.

A esencia da comunicación non é a comunicación mesma, senón a presenza dun rostro e dunha voz, dunha palabra e dunha escoita. O oínte non é unha simple unidade de consumo. “Na palabra humana habita o home. Ela é a súa morada”. A medida que progresa a organización técnica do mundo moderno, a verdade vai caendo cada vez máis infaliblemente no terreo da organización, das estruturas e dos métodos, e, polo mesmo, o conformismo convértese en regra universal. Iluminar sempre, non infundir xamais a dúbida, non sementar a confusión: todo iso favorece unha civilización digna do home, inspirando unha sociedade fraterna e solidaria na que deben quedar plasmados netamente os principios e os valores do humanismo cristián. O Papa na súa mensaxe á COPE animaba a non “sucumbir ás tentacións, tan sutís e enganosas como a ambición, a vaidade, o diñeiro ou a popularidade”. Son momentos proclives a un optimismo inxenuo ou un pesimismo desesperanzado en cuxas redes non debemos caer. É necesario interpretar en clave positiva os signos dos tempos e asumir todo o bo e construtivo que o progreso nos ofrece para poñelo ao servizo da humanidade. Neste sentido a comunicación con equilibrio sosegado está chamada a afrontar os problemas de fondo da existencia, abrindo a porta a solucións iluminadas pola sa razón e pola fe.

Estou seguro de que con talento e talante os profesionais desta Cadea contribúen a compren­der mellor a realidade en que nos movemos, a construír a través das ondas unha ponte para a fraternidade e a solidariedade, a xustiza e a paz, fíos cos que debemos tecer o tapiz da existencia humana. A Comunidade galega ten moito que agradecerlle.

A miña felicitación cordial a todos os que fan posible esta realidade de COPE Galicia. No medio do universo dixital en que nos movemos, os profesionais de COPE –entre os que non quero esquecer a técnicos e encargados de tarefas administrativas- están convencidos de que a comunicación non é un feito illado, frío, alleo á natureza do home. Comunicar é poñer en relación a persoas, evitando que estas poidan converterse en mercadoría ou ser instrumentalizadas. O meu máis cordial parabén a toda a gran familia de COPE Galicia!

Versión en castelán