Intervención de Mons. Barrio na Cope: 19 de xaneiro de 2018

Acabadas as festas de Nadal, iniciado un novo ano e retomadas as habituais tarefas normais na vida familiar, o mes de xaneiro preséntasenos como un trampolín para facer do cotián algo extraordinario. É máis, se non fóra pola sinxeleza do tempo ordinario do noso calendario litúrxico, tampouco degustariamos a singularidade dos tempos fortes.

O ritmo das nosas vidas podería parecernos monótono, seica aburrido. E en ocasións quizá o sexa. Pero a presenza de Deus descóbrese en calquera momento e en calquera situación. Os grandes acontecementos que puidemos soñar, pensando que poderiamos ser protagonistas dunha película, non adoitan acontecer. O extraordinario, o verdadeiramente sorprendente, o milagre diario, é que Deus nos quere no noso escenario concreto: no traballo doméstico; levando os fillos ao colexio; escoitando o amigo que nos fai unha confidencia ou nos pide, silandeiramente, axuda; na charla que un neto establece co seu avó; ou na paciencia para pagar na cola do supermercado.

Aí quérenos Deus e aí está Deus connosco. Dándonos a ocasión de acompañar e sorrir; regalándonos a oportunidade de expresar a fe con obras sinxelas, normais. Xaneiro afai ser un tempo de propósitos e de proxectos, que ás veces se frustran por falta de entusiasmo ou porque eran metas que superaban con fartura as nosas posibilidades.

Vivir na presenza de Deus, convidándoo a compartir o noso día cunha breve oración na mañá e cunha agarimosa lembranza ao deitarnos, non defrauda. Con El, o normal e o ordinario sempre virá como extraordinario.

Versión en castelán