Intervención de Mons. Barrio na Cope: 23 de febreiro de 2018

A partir do próximo luns o noso Seminario Menor celebrará a súa VI Semana Cultural San Rosendo, unha feliz iniciativa da comunidade educativa deste centro formativo diocesano na que se xuntan a diversión e o coñecemento nun ambiente festivo e respectuoso. É o estilo propio dun modelo educacional que máis aló das ramas e as follas da copa da árbore, descobre na raíz e no zume oculto que rega e dá vida ao tronco, o sentido da existencia.

Certamente esta proposta celebrativa, na que a espiritualidade, a transcendencia e a presenza de Deus son o necesario “para que” da existencia, contrasta con outras manifestacións lúdicas nas que hai que recorrer á follaxe para ocultar a ausencia de calquera fundamento e de sentido.

Todo home e toda muller son seres que traballan e descansan, que celebran a festa que se instala tras a tarefa exercitada: o clásico “homo faber” e “homo ludens”. Son dimensións nas que nos realizamos como persoas: achegando algo á sociedade co traballo e gozando na celebración festiva e o descanso. “E ao sétimo día, descansou”, dinos a “Xenese” do propio Deus. Creados á súa imaxe, nós celebramos a festa como signo daquilo que nos transcende, que nos remite ao eterno, ao Pai que está nos Ceos. (Cf. “Unha teoría da festa”, Josef Pieper, edt. Rialp 2006).

Felicito moi cordialmente a comunidade educativa do Colexio Seminario Menor da Asunción por esta nova edición da súa Semana Cultural. Con ela, e co traballo cotián de todo o curso, contribúen a poñer as bases dunha formación dos mozos ben asentada na antropoloxía cristiá, aquela que traballa para educar persoas libres, non escravos das modas, para crear mentes de espírito crítico que saiban discernir a esencia da festa que fai crecer no sentido da vida.

Versión en castelán