Intervención de Mons. Barrio en Cope: 9 de marzo de 2018

Celebrábase onte a Xornada da Muller Traballadora cun sentido fortemente reivindicativo. Considero que se debe ter moi presente ante todo a  dignidade da persoa humana e concretamente da muller, porque non sempre a muller é recoñecida, respectada e valorada na súa peculiar dignidade, aínda hoxe. Ben está lembrar o que xa sabemos e aprender o que deberiamos saber, non deixándonos arrastrar polo proceso de despersonalización  ao que nos vemos avocados. Únome tamén a esta Xornada agradecendo a achega inmensa, frecuentemente silenciada, da muller en todos os ámbitos da existencia humana: na familia, na Igrexa, na tarefa educativa, na educación para a paz, na promoción da cultura da vida, no mundo sanitario. É unha longa historia de dedicación e xenerosidade, escrita só en parte, na que se percibe claramente que tanto a sociedade como a Igrexa necesitan do que san Xoán Paulo II chamaba “xenio propio” da muller.

Somos herdeiros dunha historia na que non sempre a dignidade da muller foi tida en conta. Unha resposta a esa situación non lograría o obxectivo proposto devaluando o especificamente feminino. A igualdade da muller co home non debe ignorar a realidade de que o home e a muller son diferentes. Non necesita a muller para afirmar a súa propia identidade asumir a condición do home. Isto non significa que non poida conseguir os mesmos logros que o home no ámbito profesional sen que isto supoña erradicar a vocación á maternidade.

Tampouco a muller necesita asumir a cultura da exclusión coma se a afirmación dun mesmo levase a exclusión do outro xa se trate do home ou do fillo que puidese ter. A sociedade ha de fundamentarse sobre o carácter sagrado e insubstituíble de cada individuo humano, sexan cales sexan as súas circunstancias persoais.

Remato facéndome eco das palabras de san Xoán Paulo II: “A Igrexa dá grazas por todas as mulleres e por cada unha… A Igrexa expresa o seu agradecemento por todas as manifestacións do xenio feminino aparecidas ao longo da historia, no medio dos pobos e das nacións; dá grazas por todos os carismas que o Espírito Santo outorga ás mulleres na historia do Pobo de Deus, por todas as vitorias que debe á súa fe, esperanza e caridade; manifesta a súa gratitude por todos os froitos de santidade feminina”.

Versión en castelán