Xornada Mundial dos Migrantes e Refuxiados 2019

¡Non son só migrantes…!

Queridos diocesanos:

O vindeiro domingo, día 29, celebraremos a xornada 105 do Día Mundial dos Migrantes e Refuxiados. O lema é: “Non son só migrantes…”. Trátase da nosa humanidade da que todos debemos sentirnos responsables, véndonos reflectidos os uns nos outros. Díxose que “estraño non equivale a inimigo, senón a un amigo que aínda non coñecemos”.

Situación actual

Estamos a comprobar como moitas persoas emprenden viaxes perigosas por terra e por mar para escapar de catástrofes naturais, da guerra e da pobreza, poñendo as súas vidas en perigo. Así o comprobamos nestes últimos tempos. Moitos deles enfróntanse non só ás forzas frías da natureza senón tamén á indiferenza política, económica e humana. Isto contrasta coa preocupación de sentirnos unha familia humana co desexo de construír un mundo mellor.

Vivimos nunha sociedade distorsionada que nos encerra no noso bucle egocéntrico. A resposta a esta situación ha de ser a hospitalidade, acollendo, protexendo, promovendo, e integrando como nos dicía o Papa o pasado ano na súa mensaxe para este Día. Esta realidade require non só unha acción positiva no referente á pastoral desde a perspectiva cristiá, avivando a nosa caridade senón tamén un compromiso político que teña en conta aos migrantes e refuxiados que antes de nada son persoas cuns dereitos para desenvolver e cuns deberes para cumprir. É tarefa de todos, pois “no sentido ético, aos dereitos corresponden tamén obrigacións… Os dereitos sen deberes convértense en privilexios. Os deberes sen dereitos son só esixencias baleiras”.

Individualismo e indiferenza

A nosa cultura está empapada polo individualismo e a globalización da indiferenza e do descarte, que nos leva a dar rodeos para non atoparnos co ferido e necesitado. Nunca o que nos distingue debe converterse nun motivo de incomprensión e de conflito. A ningún se nos ocultan as diferenzas entre os chamados países pobres e os países ricos que se converten en polo de atracción para aqueles. É un dereito da persoa buscar mellores condicións de vida para ela e os seus. Cada persoa é habitada polo afán de plenitude e o seu corazón é capaz de abrirse cando atopa o testemuño da caridade. O ben común da humanidade conleva facer participante do mesmo ás persoas que a forman. Tamén Deus séguenos preguntando hoxe onde está o noso irmán (Xen 4,9), e segue sendo resposta non correcta o dicir: “Son eu o garda do meu irmán”? (Xen 4, 9). “A xustiza e a equidade esixen tamén que a mobilidade que é necesaria nunha economía progresiva se ordene de maneira que a vida dos individuos concretos e das súas familias non se faga incerta e precaria. Hase de evitar coidadosamente calquera discriminación relativa ás condicións de remuneración ou de traballo cara aos traballadores quen, procedentes doutra nación ou rexión, contribúen co seu traballo á promoción económica dun pobo ou rexión… Os poderes públicos deben favorecer a súa incorporación á vida social do país ou da rexión” (GS 66). Toda lei alcanza a súa plenitude neste precepto: “Mestre, cal é o mandamento mais importante da Lei? El respondeulle: Amarás ao Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma e con todo o teu entendemento. Este é o mandamento primeiro e mais grande. O segundo é semellante a el: Amarás ao teu próximo coma a ti mesmo” (Mt 22, 36-39).

Compromiso diocesano

Tamén a nosa diocese séntese concernida no ofrecemento da hospitalidade a estas persoas. É relevante o labor que están a facer a Caritas diocesana, as caritas interparroquiais e as parroquiais, no quefacer caritativo-social. A doutrina social da Igrexa ofrécenos un horizonte claro para traballar na harmonía social. Contribuamos a abrir espazos de cooperación non só económica, senón tamén relixiosa, social e cultural, acrecentando día a día o espírito solidario e fraterno, se de verdade queremos lograr unha convivencia xusta e pacífica onde as persoas atopen o necesario para vivir dignamente. Mirémonos no espello destas persoas para darnos conta do que podemos ofrecer e do que poden necesitar, e para vernos reflectidos nelas! Acompañémoslles tamén coa nosa oración!

Saúdavos con afecto e bendí no Señor.

+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela.

Versión en castelán