Xornada Mundial dos Migrantes e Refuxiados 2018

Poderiamos ser cada un de nós…!

Neste mes de xaneiro a Igrexa programou a Xornada Mundial de Migrantes e Refuxiados. É esta unha realidade moi viva e xeneralizada na actualidade cando un día si e outro tamén é noticia a chegada destas persoas e a morte de non poucas, adultos, mozos e nenos, no seu intento de albiscar novos horizontes onde atopar unhas condicións de vida máis humanas, fuxindo en non poucas ocasións das situacións bélicas que viven os seus países.

Estas circunstancias non nos poden ser nunca alleas. Todo o que afecte aos demais, ha de ser motivo da nosa preocupación humana e cristiá. Ante isto debemos preguntarnos como nos gustaría a nós que nos recibisen se nos atopásemos no seu mesma condición. Non esquezamos que Cristo nos di que fagamos aos demais o que nós desexariamos que fixesen connosco.

Preocupación do papa Francisco

O Papa na súa mensaxe para esta Xornada manifesta que esta foi unha inquietude súa desde o comezo do seu Pontificado e ofrécenos o que poderiamos denominar a gramática da simplicidade que non é simplismo para discernir a forma de conducirnos ante esta realidade. Dinos que temos que conxugar catro verbos para dar resposta ás preguntas que podemos facernos ante os Migrantes e Refuxiados: “Acoller, protexer, promover e integrar”.

Acoller, di o Papa, “significa ante todo ampliar as posibilidades para que os emigrantes e refuxiados poidan estar de modo seguro e legal nos países de destino”. Protexer leva defender os dereitos e a dignidade destas persoas. Promover é darlles a posibilidade de realizarse en todas as dimensións da persoa: relixiosa, socio-laboral e cultural. Integrar, subliña o Papa, leva “a necesidade de favorecer a cultura do encontro, multiplicando as oportunidades de intercambio cultural, demostrando e difundindo as boas prácticas de integración, e desenvolvendo programas que preparen ás comunidades locais para os procesos integrativos”.

Compromiso social e político

A comunidade eclesial síntese comprometida na resposta a esta situación pero debe ser tamén un compromiso da sociedade civil e política facilitando todos aqueles trámites necesarios para que esas persoas poidan contar coas condicións legais. É necesario guiarnos polos principios da solidariedade, subsidiariedade e responsabilidade. Comprobamos a urxencia de construír unha sociedade adulta e amigable na que se recupere e relance a subxectividade das persoas individualmente ou en grupo, é dicir, téñanse en conta ás persoas, recuperando a moralidade nas nosas actuacións e evitando que os valores se transformen en simples gustos. Esta é a premisa irrenunciable para poder chegar a opcións sociais, políticas e lexislativas que melloren a nosa convivencia á hora de acoller, protexer, promover e integrar aos migrantes e refuxiados.

Compromiso diocesano

Tamén a nosa diocese séntese concernida no ofrecemento da hospitalidade a estas persoas. É relevante o labor que están a facer a Caritas diocesana, as caritas interparroquiais e as parroquiais, aínda que non debemos esquecer que todo punto de chegada convértese para o quefacer caritativo-social nun punto de partida. A doutrina social da Igrexa é un bo trampolín para lograr esa harmonía social. Considero que hoxe Europa, España, a nosa Autonomía e por suposto a nosa Arquidiocese deben ser realidades abertas e acolledoras, que realicen na actual globalización non só formas de cooperación económica, senón tamén relixiosa, social e cultural, e que acrecenten día a día o espírito solidario e fraterno, se de verdade queremos lograr unha convivencia xusta e pacífica onde as persoas atopen o necesario para vivir dignamente. Mirémonos no espello destas persoas para darnos conta do que podemos ofrecer e do que podemos necesitar!

Saúdavos con afecto e bendí no Señor.

+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela.

Versión en castelán