A Asemblea de Cáritas apela ao compromiso persoal e comunitario para responder «á fatiga da compaixón»

  • Presidiu o encontro monseñor Jesús Fernández, bispo auxiliar de Santiago e responsable de Cáritas no seo da Comisión de Pastoral Social (CEPS)
  • Na declaración final piden “responder á fatiga da compaixón poñendo en marcha o noso compromiso para mellorar o mundo”.

Os representantes das Cáritas Diocesanas de todo o país que os días 28 e 29 de xuño participaron no Escorial nas sesións da LXXVII Asemblea Xeral da Confederación de Cáritas, que presidiu monseñor Jesús Fernández, bispo auxiliar de Santiago de Compostela e responsable de Cáritas no seo da Comisión de Pastoral Social (CEPS) fíxose un chamamento á cidadanía, ás comunidades cristiás, aos sectores económicos e aos responsables políticos a responder “á fatiga da compaixón poñendo en marcha o noso compromiso para mellorar o mundo”. Na Declaración final, os asembleístas convidan a escoitar a demanda que “nos esixen as persoas que quedan atrás para re-vincularnos e construír consensos dentro dun mosaico social de persoas iguais e distintas, capaces de pensar en común alternativas xustas e solidarias que fagan da nosa esa sociedade fraterna, libre e democrática onde todos sexamos un”.

Na Asemblea, ademais das cuestións estatutarias os participantes puideron afondar nas constatacións do VIII informe FOESSA e identificar os retos que esta investigación expón para o traballo de Cáritas no curto e medio prazo. Unha das sesións, ademais, centrouse en analizar, á luz do informe, os desafíos que se expoñen para a muller na Igrexa de hoxe, nos distintos niveis territoriais de Cáritas.

 Participación xuvenil

Na mensaxe que monseñor Jesús Fernández dirixiu aos asembleístas en nome da Comisión Episcopal de Pastoral Social, o prelado abordou o reto que supón “a falta de substitución xeracional”, un problema que “nos urxe a intentar descubrir aquelas claves que nos permitan impulsar o voluntariado xuvenil no noso ámbito de acción”.

A partir da pasaxe evanxélica da multiplicación dos pans e dos peixes, e apoiándose na figura da figura do mozo que entre aquela multitude famenta tiña cinco pans e dous peixes, monseñor Fernández referiuse aos “talentos xuvenís” para identificar “os retos que se lles presentan aos mozos e que frean o seu compromiso, e apuntar algunhas posibles pistas para a acción.

Entre algúns dos “pans” que poden achegar os mozos, o bispo sinalou, primeiro, a sensibilidade, a súa “inclinación á solidariedade e á axuda sen reparar demasiado nos custos”. En segundo lugar, o entusiasmo. Terceiro, a “dispoñibilidade para o cambio, capacidade de volver levantarse despois de calquera fracaso e de deixarse ensinar pola vida”. Cuarto, “o pan da amizade”. E, por último o “pan do sentido, enriquecido polas múltiples posibilidades que desprega, sobre todo no campo físico e deportivo, no artístico, no intelectual e ata no vocacional”.

A pesar desta nutrida mochila, monseñor Fernández sinalou os tres desafíos aos que se enfrontan os mozos: a desconfianza, a falta de compromiso e a increnza.“Todos estes desafíos e dificultades que afectan os mozos, non poden deixarnos indiferentes”, alertou.

E como resposta a estes problemas, o bispo auxiliar de Santiago de Compostela propuxo tres retos: “poñer os alicerces dunha educación na solidariedade”; “crear ámbitos de voluntariado con apoios puntuais a determinadas causas ou experiencias novas, próximas e non excesivamente traumáticas como pode ser o acompañamento a persoas maiores e que viven soas”; e “anunciar o evanxeo do amor do Deus Trindade para que a presenza de tantos desafíos non sexa interpretada polo mozo como un esquecemento de Deus nin como unha proba”.

Revolución da tenrura

O presidente de Cáritas, Manuel Bretón, pola súa banda, aproveitou as súas palabras de saúdo para convidar a todos os responsables das Cáritas Diocesanas a poñer en marcha a revolución do amor que propugna o papa Francisco.

“Meus Amigos –afirmou—, oxalá fósemos capaces de revolucionar coa nosa tenrura a nosa contorna, sen grandes alardes, pero con moita decisión. A Igrexa estaba necesitada dunha revolución e Francisco optou polo combate corpo a corpo, corazón a corazón, utilizando a arma dos xestos. A tenrura non se mide en porcentaxes, estatísticas nin cifras, pero a súa pegada ten sempre un rostro”. Por iso, engadiu, “anímovos a crear vínculos, fortes, sólidos, que nos cambien a vida, as ganas, que nos transformen, para que, confiados en Deus, podamos ser mellores, axudar máis, pensar máis nos que nos rodean”.

Manuel Bretón instou a todos os presentes a ser “máis valentes polos que máis sofren, porque hai moitas persoas que esperan moito de nós, da nosa capacidade de dialogo, de humildade, de poñernos no lugar do outro sexa o que sexa e exercer con el a tenrura da que nos fala o Papa”.

“Oxalá sexamos capaces de achegar a nosa persoa, o noso traballo e as nosas decisións para conseguir unha sociedade `máis vinculada´ e demos permanente testemuño do Evanxeo, que sempre opta, por encima de todo, polos que menos teñen”, concluíu.

Declaración final

Os integrantes da  LXXVII Asemblea Xeral de Cáritas aprobaron unha Declaración final ,  na que se comeza dicindo que acudiron ao encontro  “con motivación renovada días despois de celebrar nas nosas comunidades parroquiais e diocesanas o Día da Caridade, unha xornada na que como os bispos sinalan na súa mensaxe para a festividade do Corpus Christi, “a Eucaristía sen caridade convértese en culto baleiro, tantas veces denunciado na Sagrada Escritura e polo Maxisterio da Igrexa”. E reflexionamos sobre cales están a ser nosas respostas á chamada do Espírito para converter as nosas vidas en «unha entrega crible en todo momento aos ´feridos pola vida´ e a todos os necesitados de compaixón”.

O resto do documento é o seguinte:

“Esta apelación para acompañar aos pobres e construír xunto a eles estadas de esperanza nun futuro máis digno é o compromiso que, como servizo organizado da caridade, inspira á Confederación Cáritas tanto en España como no resto do mundo a través do labor de cooperación fraterna con todas as Cáritas da rede internacional.

Inspirados polo Evanxeo de Xesús, o traballo de discernimento que os representantes das Cáritas Diocesanas realizamos nestes días proxectou luz sobre a realidade social na que desenvolvemos o noso traballo pola xustiza. Xuntos, debatemos sobre cales son as estratexias presentes e futuras para mellorar as nosas respostas aos retos da misión que nos reclaman as situacións de exclusión social nos territorios de fronteira onde intervimos miles de voluntarios e traballadores de Cáritas, entre os que a presenza maioritaria de mulleres dan conta da nosa aposta inequívoca pola igualdade.

Comprometémonos a seguir fortalecendo este liderado feminino e a eliminar as barreiras para o empoderamento de todas as mulleres que fan Cáritas, sen as cales o noso labor carecería da profundidade humana que elas achegan, xunto a todos os axentes da nosa institución, aos procesos de acompañamento e escoita aos máis vulnerables.

Este mesmo empeño dirixímolo a estimular dentro de Cáritas a participación dos mozos, quen coa súa sensibilidade, entusiasmo e dispoñibilidade para o cambio tanto poden achegar ao anuncio na sociedade actual das Benaventuranzas dos que sofren.

Seguen sendo demasiados os síntomas de desigualdade que manteñen a case unha quinta parte a poboación española dentro da exclusión social. Como alerta o recente VIII Informe FOESSA, sobre cuxas constatacións afondamos na Asemblea, aínda que é certo que o noso país conseguiu reducir o espazo da exclusión, o seu nivel mantense aínda por encima do existente antes da crise. Preocúpanos seriamente que, aínda que o 48.5 por cento da poboación española está en situación de integración plena, o impacto da pobreza e a precariedade segue sendo moi elevado, sobre todo nos niveis de exclusión social máis intensa. É escandaloso que en España, a quinta economía da Unión Europea, a exclusión social severa afecte a 1.8 millóns de persoas, tres veces máis que en 2007.

Alertamos sobre o crecente proceso de dualización e de erosión social no ámbito dos dereitos ao que se asoma o noso país, especialmente no que se refire ao acceso á vivenda e a precariedade laboral, como sabemos de primeira man a través da nosa rede estatal de recursos e servizos nos que acompañamos ou apoiamos a estes “expulsados do benestar”.

Alertamos de que unha dinámica de crecemento volva instalarse no imaxinario colectivo e que se consolide un modelo de sociedade dividida entre os que, por unha banda, ven satisfeitas plenamente todas as súas necesidades e expectativas, e melloran as súas condicións de vida; e, doutra, os que afrontan o acceso aos seus dereitos básicos como un luxo ou unha dádiva.

Urxe reaccionar ante a perda do sentido comunitario, que se manifesta en síntomas como certa “fatiga da solidariedade” que nos leva a desentendernos das situacións de exclusión que se ocultan tras esa carreira de moitos cara ao ter, mentres non poucos se debaten nunha loita por satisfacer necesidades básicas como alimentarse, vestirse, durmir baixo teito, ter un traballo decente ou construír un futuro mellor para os seus fillos.

Só a través dunha reactivación do compromiso comunitario que rescate o proxecto cidadán de construír, xuntos, a sociedade e de compartir tanto bens como valores, poderemos reverter este proceso de fragmentación social que avanza á conta do enfraquecemento dos dereitos humanos e a eclosión de actitudes de violencia, xenofobia ou intolerancia contra os máis débiles, especialmente as mulleres, os inmigrantes e as persoas sen fogar.

Desde estas reflexións, facemos un cuádruplo chamamento para asumir, no persoal e no comunitario, a cota de responsabilidade social que nos corresponde na construción de solucións e oportunidades:

–   A toda a cidadanía, a tomar conciencia da dimensión real da desigualdade que afecta os nosos conveciños, a compartir a mirada de todos eses descartados aos que se refire o papa Francisco e a reactivar o admirable compromiso de solidariedade, empatía e acollida que manifestamos durante os peores anos da última crise.

–   Ás nosas comunidades cristiás, a vivir unha fraternidade auténtica que sirva para superar os medos e reticencias ante o outro, o estranxeiro e todos os expulsados, e a ser portadores dunha esperanza alimentada pola fe no Señor resucitado que contribúa a fortalecer o amor fraterno entre ese nós que somos toda a familia humana.

–   Aos sectores económicos, a liderar un modelo de economía verdadeiramente social no que os traballadores e as súas familias sexan sempre a primeira das prioridades, e onde as estratexias de produción e crecemento promovan un modelo de ecoloxía humana que contrapoña á cultura do consumismo e o paradigma tecnocrático unha visión amigable e sustentable á medida da Casa común, do ser humano e da súa dignidade.

–   Aos poderes públicos e axentes sociais, a que lideren o mandato xenuíno que recibiron do electorado de servir ao ben común por encima das loitas pola repartición de cotas de poder ou de endogamias territoriais e partidistas ás que asistimos estes días. O mellor servizo público que poden prestar os titulares dos poderes públicos e os foros de toma de decisión é dar prioridade á protección dos dereitos sociais, ao desenvolvemento económico integrador que xere emprego digno e ás políticas dirixidas a reducir a desigualdade.

Reiteramos a proposta que expón a campaña institucional de Cáritas para responder á fatiga da compaixón “poñendo en marcha o noso compromiso para mellorar o mundo”. Esta é a proposta que nos esixen as persoas que quedan atrás: re-vincularnos para construír consensos dentro dun mosaico social de persoas iguais e distintas, capaces de pensar en común alternativas xustas e solidarias que fagan da nosa esa sociedade fraterna, libre e democrática onde todos sexamos un”.

Versión en castelán