O cárcere, lugar privilexiado de pastoral

  • As mulleres no cárcere sofren unha dobre condena; por ser mulleres e por estar presas.
  • A Pastoral Penal ten un bo prestixio. Durante a crise moitas ONG suspenderon actividades, pero a Igrexa permaneceu.

Este sábado celebrouse en Santiago a VI Xornada Interdiocesana de Pastoral Penal. É, talvez, unha das pastorais máis descoñecidas e tamén das máis difíciles polas peculiares circunstancias nas que se desenvolve. Para achegarnos algo a esta realidade, entrevistamos o Secretario da Pastoral Penal da diocese, don Juan González Redondo.

Pregunta.- ¿Con que obxectivo convocouse esta xornada de Pastoral Penal?

Resposta.- A xornada naceu coa idea de que as pastorais penais das dioceses de Galicia colaborasen na consecución de tres obxectivos básicos. O primeiro é ter un encontro fraterno para coñecer as distintas experiencias nas que traballamos. En segundo lugar, procúrase dar un tema de formación do voluntariado, estar en conexión coa pastoral penal española. E en terceiro lugar, crear sensibilidade nas parroquias e achegarnos a xente que poida ter unha inquietude pola nosa pastoral.

 

Pregunta.- ¿Que destacarías das conferencias deste ano?

Resposta.- O máis relevante é o relator, que este ano foi o Director da Pastoral Penitencia da Conferencia Episcopal, Florencio Roselló. Na primeira charla presentounos a Pastoral Penal en España, os seus obxectivos. E na segunda falounos da necesaria relación e vinculación entre a parroquia e a Pastoral Penal.

 

Pregunta.- Dis que a pastoral penal é máis que a mera atención carcelaria. ¿que aspectos comprende a pastoral penal?

Resposta.- Hai tres dimensións que tentamos traballar. En primeiro lugar a asistencia relixiosa aos presos e presas católicos.

En segundo lugar temos un programa social que leva Cáritas diocesana, que está moi envorcada coa nosa pastoral, e no que se atenden necesidades de todo tipo. Hai moitas carencias educativas, sanitarias… Hai pouco asinouse un convenio entre Cáritas, a pastoral e Institucións Penais para ter un servizo de oftalmoloxía. Grazas á colaboración de Cáritas temos dous pisos na Coruña. Un para que os presos sen vinculación familiar poidan ter unha casa de acollida durante os seus permisos carcelarios. E outro de acollida para presos que levan tempo no cárcere e poidan estar desarraigados.

E o terceiro aspecto é a atención xurídica. Un preso ten unha especial vinculación coa administración de xustiza. Ten moitas necesidades de tipo familiar. Hai moitos temas de estranxeiría. Temos dous voluntarios xuristas en Teixeiro para complementar esa atención.

 

Pregunta.- ¿Cantos presos solicitan a atención da pastoral penal?

Resposta.- Son moitísimos. Atendemos por exemplo a moitas persoas que non son católicas. Son centos os reclusos que se achegan aos nosos talleres ou que reciben algún tipo de axuda pola nosa banda. En Teixeiro pode haber máis de corenta nacionalidades distintas. Hai católicos, pentecostales, evangélicos, musulmáns ou ateos. Levamos a musulmáns o horario dos seus rezos baixado da internet. O cárcere é un mundo onde as etiquetas da rúa desaparecen ou se viven dun modo moi distinto.

 

Pregunta.- ¿Hai diferenzas entre a situación de homes e mulleres no cárcere?

Resposta.- Moitísimas. Por cada dez homes presos hai unha muller. En Teixeiro hai un módulo de mulleres, con máis de 60 internas. É un módulo especialmente duro. A muller, pola súa condición, sofre un maior estigma social, ten maior carga familiar, unha posición de máis indefensión dentro do cárcere. Ademais, as mulleres, ao ser poucas, non están clasificadas. Están mesturadas, o que o converte nun módulo moi difícil. As mulleres no cárcere sofren unha dobre condena.

 

Pregunta.- ¿Mulleres e homes acoden por igual aos vosos servizos ou hai diferenzas notables?

Resposta.- Non percibo diferenza entre sexos. Depende da presenza que teñamos no cárcere. En Teixeiro hai 17 módulos. Procuramos ter unha maior presenza no das mulleres, precisamente polas maiores carencias que teñen.

 

Pregunta.- ¿Cantos voluntarios están implicados na Pastoral Penal?

Resposta.- Temos un servizo de celebracións relixiosas atendido por catro capeláns. Tamén temos uns 15 voluntarios que entran dentro do cárcere e que levan actividades de oración, apoio educativo… E hai cinco voluntarios que acompañan nos pisos da Coruña. Tamén temos voluntarios para atender no módulo de custodia que hai no hospital da Coruña.

 

Pregunta.- ¿Que ten que dicir, ou achegar, a Igrexa neste tema?

Resposta.- A Igrexa o que pode ofrecer é esperanza. Esperanza en que estas persoas recupérense. Esperanza nunha sociedade máis solidaria, máis aberta, na que o outro, o diferente, deixe de estar baixo sospeita. A Igrexa pode levar esperanza, pode levar respecto, fraternidade. A nosa Constitución marca que os obxectivos das penas privativas de liberdade son a reinserción social e a reeducación dos presos. É un gran obxectivo no que a Igrexa colabora e que ás veces parece que se dilúe. Pensemos por exemplo, en como se retorce o código penal para endurecer as penas. A situación máis extrema é a pena perpetua revisable. Quéresenos vender que endurecendo as penas teremos unha sociedade máis segura, e iso non é certo.

 

Pregunta.- ¿A colaboración cos distintos gobernos foi boa?

Resposta.- Teño pouca traxectoria como para ter unha opinión. Sei que na época de Zapatero, coa Directora Xeral Mercedes Gallizo, houbo unha moi boa colaboración na pastoral penal. Creo que en xeral houbo unha boa colaboración, porque máis aló das posicións ideolóxicas a Pastoral Penal ten un bo prestixio. Está ben vista en xeral. Durante a crise moitas ONGués tiveron que suspender actividades. En cambio a Igrexa católica en xeral, e Cáritas en particular, permaneceron.

Versión en castelán