A cea solidaria organizada polo Seminario Maior para axudar ás persoas sen teito volveu ser un éxito de participación

O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, participou este venres na Cea Solidaria que desde fai oito anos organiza o Seminario Maior compostelán, en favor das persoas sen teito. Os donativos da cea, así como o importe das papeletas de rifa dos agasallos ofrecidos por diversas empresas, que se sortean entre os presentes, son entregados a Cáritas Diocesana para os seus programas de actuación sobre as persoas sen fogar. Nun ambiente festivo e de confraternidade, os centos de persoas asistentes tiveron ocasión de compartir non só unha frugal cea, senón sobre todo un tempo de escoita mutua e de sensibilización ante o problema das persoas que teñen que durmir nas nosas rúas. Entre os asistentes atopábase, por exemplo, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.

Con anterioridade á cea, o bispo auxiliar, monseñor Jesús Fernández González, presidira na Capela do Seminario Maior unha Eucaristía na que falou sobre o compromiso de todos os bautizados, non só de Cáritas como organización, na atención dos pobres e das persoas sen fogar. Monseñor Fernández indicou que, tan importante, ou máis, que a axuda económica, pode ser unha mirada, un sorriso ou un momento de conversación con quen ten a desgraza de vivir na rúa

Versión en castelán