A Colecta para o sostemento económico dos Santos Lugares terá lugar este domingo

  • Nunha recente Carta Pastoral, monseñor Julián Barrio lembraba aos diocesanos que as necesidades materiais dos cristiáns en Terra Santa “non nos poden ser alleas”

Este próximo domingo día 13 de setembro terá lugar en todos os templos a Colecta para Terra Santa, iniciativa de apoio económico para o mantemento dos Santos Lugares que tradicionalmente se leva a cabo en Venres Santo e que neste ano, debido á pandemia do coronavirus, tivo que aprazarse. Tamén Santiago de Compostela se une á colecta, tal e como lembrou hai uns días o arcebispo. Nunha Carta Pastoral, monseñor Julián Barrio convidaba a todos os diocesanos a unirse á colecta, á vez que aludía ao feito de que “este ano a Diocese non puido realizar a peregrinación a Terra Santa no contexto da preparación do Ano Santo Compostelán como fose o noso desexo e fixemos noutros anos precedentes ao Ano Xubilar, mostrando tamén a nosa proximidade á comunidade cristiá que peregrina en Terra Santa, como algúns de vós lembrades”.

O arcebispo compostelán pedía a todos os diocesanos un apoio económico para os cristiáns de Terra Santa. As súas necesidades materiais, explicaba, “non nos poden ser alleas, e na medida das nosas posibilidades habemos de contribuír a palialas coa nosa colaboración económica”. A colecta terá lugar na véspera da festa da Exaltación da Santa Cruz. “Esta festividade lémbranos o descubrimento da reliquia da Santa Cruz por Santa Elena e o inicio do culto público en Xerusalén coa construción da Basílica do Santo Sepulcro”, comentaba monseñor Barrio.

O arcebispo indicaba, ademais, que “en vésperas da celebración do Ano Santo Compostelán sería oportuno redescubrir aqueles vestixios humildes relacionados co Apóstolo Santiago o Maior en Terra Santa. Concretamente hai unha pequena Igrexa dedicada ao Apóstolo en Jaffa de Nazaré que abre e celebra soamente o culto ao Apóstolo coincidindo co Xubileu compostelán”.

A Colecta para a Terra Santa nace da vontade dos Papas por manter forte o vínculo entre todos os cristiáns do mundo e os Santos Lugares. A Colecta é a fonte principal de ingresos para o sostemento da vida que se desenvolve ao redor dos Santos Lugares. Os donativos recolleitos polas parroquias e os bispos trasládanse logo aos Comisarios de Terra Santa, que os envían, á súa vez, á Custodia de Terra Santa. Tales donativos son usados para o mantemento e sustentación dos Santuarios e os cristiáns de Terra Santa, as pedras vivas de Terra Santa.

Versión en castelán