A colecta para obras de caridade do Papa aprázase ata a fin de semana do 3 e 4 de outubro pola pandemia

  • Habitualmente esta colecta, coñecida como o óbolo de San Pedro celebrábase en torno ao 28 de xuño
  • “Son moitas as persoas, vítimas de guerras e catástrofes naturais, refuxiadas e emigrantes, e afectadas por pandemias, ás que o Papa axuda”, indica monseñor Barrio

Ao redor da solemnidade dos apóstolos san Pedro e san Paulo, a Igrexa adoita ter a Xornada pola Caridade do Papa. Nesta ocasión, “dadas as circunstancias deste ano, a Santa Sé considerou que a colecta do Óbolo de San Pedro, no canto dos días 27 e 28 deste mes, se faga os días 3 e 4 de outubro en todas as parroquias da Diocese”, explica o arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio. O prelado  lembra que “a este fondo chegan tamén as achegas procedentes dos Institutos de Vida Consagrada e das sociedades de Vida Apostólica, así como as dos donativos de fieis particulares. Son moitas as persoas, vítimas de guerras e catástrofes naturais, refuxiadas e emigrantes, e afectadas por pandemias, ás que o Papa axuda. Baste lembrar como signo de proximidade e afecto o envío de respiradores que fixo a un hospital de Madrid con motivo do coronavirus”.

“O Papa cos seus xestos e as súas palabras sae sempre ao encontro dos demais, sobre todo dos máis necesitados, escoitándoos e respondendo as súas inquietudes espirituais e materiais, como o comprobamos día a día. Teñamos en conta que as consecuencias da pandemia do coronavirus agudizaron a situación de pobreza nos países máis vulnerables”.

“Estou seguro”, di monseñor Barrio, “da vosa xenerosidade segundo as vosas posibilidades económicas. A Diocese enviará ao Papa esta colecta que a través del fará ben a moitas persoas, reflectíndose esa proxección universal que ten a acción da Igrexa”.

Versión en castelán