A Delegación de Pastoral Familiar expresa o seu agradecemento polo desenvolvemento do encontro “A alegría de ser familia”

O bispo auxiliar, monseñor Jesús Fernández González, presidiu este sábado a reunión que celebrou o equipo da Delegación de Pastoral Familiar para avaliar o recente encontro de matrimonios, fillos, avós e familias, que se celebrou no Seminario Menor o pasado día 21 de setembro. Coa presenza dos delegados de Pastoral Familiar, Jesús Calzada e Felisa Mozo, realizouse un repaso ao desenvolvemento da xornada, cun capítulo especial de agradecementos, en primeiro lugar ao arcebispo, monseñor Julián Barrio, e ao seu bispo auxiliar, polo apoio á celebración do encontro e pola súa asistencia. Tamén se agradeceu a acollida por parte do Seminario Menor, a participación dos mozos de Pastoral Xuvenil e a presenza dunha intérprete de lingua de signos española para xordos. Esta foi unha das novidades daquela xornada, coa que a Igrexa diocesana quería simbolizar a súa proximidade a estas persoas a fin de conseguir a súa plena integración eclesial e social, recoñecendo así o traballo que xa se desenvolve na Pastoral do Xordo.

Monseñor Fernández tamén tivo palabras de agradecemento para todos os membros da comisión de Pastoral Familiar, pola súa entrega e dedicación á celebración do encontro, celebrado baixo o lema “A alegría de ser familia”. Na reunión de balance fíxose unha valoración dos traballos levados a cabo nos grupos que se constituíron: nenos, noivos, matrimonios novos e familia.

Ademais, os delegados de Pastoral Familiar informaron sobre o calendario de inicio de curso e presentación por Vigairías da programación desta Delegación:

  • 18 de outubro na Coruña, ás 20:00 horas no Fogar de Santa Margarida
  • 19 de outubro en Santiago, ás 11:00 horas no Seminario Menor
  • 19 de outubro en Pontevedra, ás 17:00 horas na Raíña da Paz
Versión en castelán