A Diocese acompaña e reza polos tres novos que serán ordenados sacerdotes

Tres novos da nosa Arquidiocese, Eduardo, Santiago e Damián serán ordenados sacerdotes este próximo domingo, día 7 de xullo, polo arcebispo, monseñor Julián Barrio. Trátase dun acontecemento gozoso e de graza para a Igrexa que peregrina en Santiago. Deus segue suscitando vocacións ao sacerdocio e toda a Igrexa diocesana dá grazas por este don. É agora o momento de rezar ao Señor por eles, para que lles axude na súa tarefa sacerdotal e para que sexan sempre fieis á súa chamada. É hora de pedir a intercesión do Apóstolo Santiago e a protección de María, Raíña dos sacerdotes.

EDUARDO AMADO BREA

Nacido en 1989 ten as súas orixes en Betanzos, aínda que reside na Coruña, onde realizou os estudos obrigatorios e é fregués da parroquia da nosa Señora de Fátima. Mentres dedicaba un ano para estudar e traballar en Inglaterra sentiu a chamada ao sacerdocio. Terminou os estudos superiores en Salamanca, unha Licenciatura en Dereito e un Máster en Estudos da Unión Europea. No ano 2013 ingresa no Seminario Maior Compostelán para iniciar a súa formación sacerdotal. Alí fixo o Bacharelato en Teoloxía e comezou estudos en Filosofía e Teoloxía Fundamental, á vez que é secretario do bispo auxiliar.

Así está a vivir os días previos á súa ordenación:

«Un sempre se expón que os días próximos á ordenación sacerdotal sexan uns días tranquilos e nos que un estea especialmente centrado na graza que recibirá chegado o momento. Con todo, a realidade imponse e parece que o ritmo se vai acelerando conforme achégase a data. Pero Divos aproveita para facérsenos presente en calquera circunstancia. No meu caso particular, está a axudarme moito o aproveitar os momentos que encontro libres para prepararme para os sacramentos que, en poucos días, celebrarei in persoa Christi. Así descubro como a profundización na liturxia da Iglesia resulta unha fonte inmensa de espiritualidade. Outra cuestión que destaco é a proximidade de tanta xente que aproveita estes últimos días para manifestarche o seu apoio e oración. A verdade, fronte á crise social e moral que padece a nosa sociedade, é unha enorme graza o poder comprobar canta xente boa queda aínda.”

 

SANTIAGO TELMO DOPAZO

Naceu o 5 de febreiro de 1993, bautizado na parroquia de San Esteban de Noalla, pero trasladouse á parroquia de San Juan de Meaño ao pouco tempo, onde viviu a infancia ata que ingresou no Seminario Menor de Santiago para realizar os estudos da ESO e o Bacharelato. Tras finalizar os estudos no Seminario Menor ingresou no Seminario Maior. Este último curso realizou as súas tarefas pastorais na parroquia de Santa Mariña de Cambados.

Así está a vivir os días previos á súa ordenación:

Estas últimas semanas foron diferentes, xa sen necesidade de ir media semana ao seminario, podendo volver ver a amigos, familiares e aos curas que xa vía, pero noutras facetas. Moitos recordos, visitas de coñecidos e sobre todo moita alegría, neste momento tan importante da miña vida.

O apoio da familia e amigos, que felicitándome por este paso que o domingo 7 de xullo vou dar, vendo e descubrindo o agarimo que se me ten. A fraternidade da miña nova familia, os sacerdotes da nosa diocese, en especial aqueles que me acolleron na miña etapa como seminarista, e este último ano como diacono, demostrando esa fraternidade e coidado que hai entre compañeiros.  Ver todo isto dáme seguridade e alegría á hora de dar este gran paso.

Tamén este paso que imos dar Eduardo, Damián e eu, xa o deu o domingo pasado un compañeiro da Diocese de Astorga, Antonio Ferrer Soto,  a quen puiden acompañar e felicitar nese día tan especial. Espero poder vivir esta alegría ao longo da miña vida e compartila con quen me acompañe

 

DAMIÁN VIDAL BOUZAS

Naceu o 14 de novembro de 1993, natural da parroquia de S. Pedro de Vilalonga, Concello de Sanxenxo, é o segundo de tres irmáns. Os seus pais e avoa, foron apoio incondicional na súa andaina, en especial a súa nai, a cal coidou moito a súa vocación. Comezou os seus estudos primarios no CEIP Cruceiro de Vilalonga. Posteriormente, realizou a ESO no colexio salesiano de Castrelo (Cambados), do que garda moi bo e inesquecible recordo, porque entre outras cousas, foi onde por primeira vez, sentiu a chamada do Señor cara ao sacerdocio. Logo, ingresou no Seminario Menor de Santiago de Compostela, onde realizou os estudos de Bacharelato en Humanidades. Seguidamente obtivo o Selectivo e finalmente ingresou no Seminario Maior Compostelán, onde realizou os seus estudos en Teoloxía. Este último ano, realizou as súas tarefas pastorais nas parroquias de san Vicente san Lourenzo e santo Tomei de Nogueira (Meis).

Así está a vivir os días previos á súa ordenación:

Queridos irmáns e irmás, estes días previos á miña ordenación sacerdotal, estou a vivilos con moita oración, con moita paz, con moita alegría e ilusión porque, Deus mediante, vai ser un soño feito realidade e ademais estounos pasando en compañía da miña familia, amigos e demais seres queridos. Ao mesmo tempo, estou tamén vivindo estes días previos á ordenación con moita intensidade.  Porque, ademais, dáse a casualidade de que nestes días, estamos a acoller a un numeroso grupo de mozas universitarias, que veñen de Madrid. En particular, proceden todas elas, do colexio Mater Salvatoris e veñen facer misión e a evangelizar á xente das nosas parroquias, especialmente aos nenos e aos mozos. Concretamente, estas mozas madrileñas, están a desempeñar o seu labor evanxelizador nas parroquias das tres Nogueiras e Divino Salvador de Meis. Parroquias nas cales, estou a exercer o meu ministerio pastoral; e a verdade é que a ilusión, a alegría e o testemuño destas mozas universitarias, están a axudarme moito a vivir estes días previos, cun gran fervor, cun gran entusiasmo e cunha gran ilusión.

Versión en castelán